Investigadores do Campus de Ourense desenvolven unha ferramenta para rehabilitación cognitiva
luns, 5 de marzo do 2018
O grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración
da ESEI de Ourense vén de presentar unha ferramenta web de uso
clínico para favorecer a rehabilitación cognitiva de pacientes con
dano cerebral, adiccións, doenzas neurodexenerativas ou deterioro
das capacidades. Trátase
de Multitasking Cubes, un software libre cuxo desenvolvemento estivo
liderado polo profesor Miguel Reboiro, contando cun equipo
desenvolvedor constituído por Rosalía Laza, Reyes Pavón e Hugo
López. Segundo explica o profesor Miguel Reboiro “este
proxecto pretendeu desenvolver unha ferramenta que permitise
estimular e avaliar o rendemento dos pacientes, fomentando a
actividade cerebral como un mecanismo xerador de reserva cognitiva”.
Para facelo optouse polo programa Memodado, que se
caracteriza por empregar un formato de xogo de mesa e dados para
acadar obxectivos. “A idea do proxecto naceu a proposta de Adolfo
Piñón, Francisco Otero e Adrián Varela, que buscaban
avanzar no proxecto de levar á web Memodado despois de ter feito un
primeiro prototipo", indica Miguel Reboiro, engadindo que a
realización de Multitasking Cubes artellouse en cinco subproxectos.
En primeiro lugar, creouse unha aplicación web
para os pacientes, na que poden realizar as sesións asignadas polos
terapeutas, e tamén unha aplicación web para os administradores,
directores de centros e terapeutas, que poden usar para xestionar a
información do sistema, incluíndo a creación de sesións de xogos,
a asignación das sesións e o seguimento dos pacientes por parte dos
terapeutas. En terceiro lugar, hai unha biblioteca independente da
aplicación dos xogos que permite a súa integración noutras
ferramentas e, a maiores, habilitouse unha aplicación na que se
poden probar os xogos do proxecto de forma rápida ou usalos de xeito
libre, sen necesidade de utilizar o resto de recursos da plataforma.
En quinto lugar figura un subproxecto que abrangue a xestión do
almacenamento da información da aplicación. Estas cinco ferramentas
foron xa publicadas en repositorios públicos baixo unha licencia de
software libre GPLv3.
Segundo explica o grupo de investigadores, en cada
sesión o paciente afronta nunha serie de tarefas ou exercicios a
realizar que o terapeuta pode configurar cuns parámetros, tales como
tempo máximo, nivel de dificultade ou número de intentos posíbeis.
As tarefas seleccionadas e propostas para ser utilizadas no
Multitasking Cubes “son algunhas das utilizadas con meirande
frecuencia nos estudos da memoria nos últimos anos, como trigramas,
paradigma de pares asociados, procesos de recuperación da
información por recordo e recoñecemento e span atencional”,
engaden.