Itelsis, nova empresa compostelá que apostará pola TDT e o UMTS

martes, 3 de outubro do 2006

Intelsis Sistemas Inteligentes reorganizou as súas áreas de negocio creando a nova compañía chamada Sistemas Audiovisuales Itelsis, que realizará actividades relacionadas co negocio audiovisual e terá sede social en Santiago de Compostela.
A nova compañía estará controlada totalmente polo grupo de investimentos da familia do fundador de Intelsis, Gerardo García Campos, que controlaba o 30,8% de Intelsis, e centrará as súas actividades no sector profesional das telecomunicacións como fabricante e integrador de solucións chave en man.
Itelsis pretende aproveitar a emerxencia da Televisión Dixital Terrestre e das redes de telefonía móbil de terceira xeración (UMTS), para os que desenvolve un amplo abano de produtos dende a súa área de I+D, destacando os transmisores e reemisores para TDT e televisión analóxica, moduladores DVB-T, gap-fillers (elementos empregados para mellorar a cobertura televisiva nas zonas de sombra), axentes de telexestión SNMP e repetidores UMTS. Estas solucións pretenden facilitar a boa cobertura para redes de TDT e UMTS, de xeito que poidan chegar a ser servizos universais.

PUBLICIDADE