Javier Pereira (CITIC) reivindica os avances da VR contra o alzhéimer no XXX aniversario de AFACO

venres, 5 de decembro do 2025 S. P.

O subdirector do CITIC da Universidade da Coruña, Javier Pereira, defendeu a importancia dun modelo preventivo do Alzheimer baseado nun enfoque multimodal que combine estimulación cognitiva, exercicio físico, interacción social e emocional e, moi especialmente, o uso de ferramentas tecnolóxicas e terapias non farmacolóxicas. Así o explicou durante a súa intervención na mesa redonda Programas preventivos – Terapias non farmacolóxicas, celebrada no marco do 30º aniversario da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer da Coruña (AFACO).
Javier Pereira destacou que as novas tecnoloxías permiten “personalizar, medir e axustar” as intervencións cunha precisión difícil de alcanzar mediante métodos tradicionais.
Durante a súa intervención presentou os avances dos seus desenvolvementos baseados en Realidade Virtual Inmersiva, orientados a reforzar a autonomía, a estimulación cognitiva e a rehabilitación motora.
Entre as solucións mostradas atópanse simulacións de actividades da vida diaria, adestradores de forza de man, xogos cognitivos, sistemas de movemento cativo e contornas virtuais como o Horto VR ou o Supermercado 4.0. Estas ferramentas apóianse en hardware adaptado e plataformas de monitoraxe que permiten axustar cada intervención ás necesidades reais dos usuarios.
As persoas participantes na mesa coincidiron en remarcar que “a prevención debe comezar antes de que aparezan síntomas claros, adiantándose á deterioración e evitando que as intervencións se limiten a fases avanzadas da enfermidade”.
Así mesmo, Javier Pereira sinalou tamén a relevancia da monitoraxe do movemento, a sensórica ambiental, a neuromodulación non invasiva e as plataformas dixitais de apoio ao persoal coidador como elementos fundamentais dunha estratexia preventiva moderna.
A tecnoloxía desenvolvida xa está implantada en 18 centros galegos, onde se aplica con resultados positivos en motivación, participación e mantemento de capacidades.
Segundo salientou o CITIC, a xornada puxo de manifesto que a combinación de terapias non farmacolóxicas e tecnoloxías emerxentes ofrece unha vía prometedora para atrasar ou mitigar a progresión do alzhéimer, sempre que exista un compromiso conxunto entre profesionais, administracións e cidadanía.
AFACO traballa desde 1995 na Coruña para ofrecer atención integral a persoas con alzhéimer e ás súas familias, combinando servizos sociais, terapéuticos e de acompañamento que promoven a calidade de vida e unha prevención activa.