Jorge Castiñeiras e Daniel Iglesias protagonizaron o 20º Almorzo TIC Talk do CITIC

mércores, 29 de maio do 2024 S. P.

O pasado luns celebrouse o vixésimo Almorzo TIC Talk que con periodicidade mensual organiza o CITIC (o Centro de Investigación TIC da UDC). Desta volta os relatorios correron a cargo dos investigadores Jorge Castiñeiras Rella e Daniel Iglesias Morís.
Jorge Castiñeiras debullou en parte o seu proxecto titulado Metodoloxías para abordar o risco de crédito, que parte de que a análise do risco de crédito depende do comportamento de pago dos clientes e cambia en función do ciclo económico e as tendencias do mercado, á vez que é sensíbel ao custo “porque os resultados dependen do importe do préstamo”. Ademais, só se dispón de información sobre as transaccións aprobadas, o que pode xerar rumbos inxustos e custos de oportunidade. Nesta liña, propón novas estratexias de aprendizaxe dinámica que melloran a aprendizaxe en liña e os algoritmos de bandidos, de forma que se volven máis sensibles ao custo.
Daniel Iglesias Morís presentou o seu traballo Mellora do cribado de patoloxías pulmonares con modelos xenerativos de imaxe médica. Na charla expuxo diversas técnicas de aumento de datos que xeran imaxes sintéticas aplicadas á radiografía torácica 2D, utilizando diferentes arquitecturas de modelos xenerativos como GANs e modelos de difusión latente. Así, mellórase a efectividade dos métodos automáticos para detectar patoloxías pulmonares.