José Duato falará no CITIC sobre IA sustentable
luns, 13 de xaneiro do 2025
O vindeiro luns 20 de xaneiro, ás 12.00 horas, celebrarase no CITIC da UDC a charla Intelixencia Artificial Medioambientalmente Sostible, unha conferencia enmarcada nas actividades organizadas pola Cátedra INDITEX-UDC de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes, dentro do ciclo de charlas titulado Converxencia verde para un futuro sostible.
Na sesión, José Duato, CTO da empresa Qsimov Quantum Computing e académico de renome, expoñerá os desafíos enerxéticos dos sistemas de ferramentas intelixentes actuais e abordará o impacto medioambiental das técnicas de IA, poñendo o foco no alto consumo enerxético asociado a estas tecnoloxías e nos xeitos de minimizar este impacto e incrementar a eficiencia.
Durante a charla, o relator analizará as tecnoloxías xa implementadas para optimizar o consumo enerxético, así como os desenvolvementos disruptivos que prometen facer a IA máis eficiente e respectuosa co medio ambiente. Cunha traxectoria de máis de 30 anos como catedrático na Universidade Politécnica de Valencia, José Duato conta cun extenso currículo que inclúe máis de 500 publicacións científicas e prestixiosos recoñecementos como o Premio Rey Jaime I de Novas Tecnoloxías e o Premio Nacional de Investigación Julio Rey Pastor. A súa experiencia en computación e comunicacións sitúao como unha figura clave na procura de solucións sostibles para o futuro da IA.
Duato é académico numerario da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.
Esta actividade, aberta ao público previo rexistro, forma parte do compromiso da Universidade da Coruña (UDC) e a Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes coa promoción dunha tecnoloxía máis consciente e responsable coa nosa contorna.
A Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes ten como obxectivo promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da IA e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento respectuoso co medio natural.
Un equipo de 20 persoas conforman a cátedra, 16 delas están adscritas ao CITIC da UDC. Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. Trátase dun grupo multidisciplinar “como é necesario na investigación en algoritmos verdes”, sinala a investigadora principal do proxecto, Verónica Bolón, “que require o apoio de grupos de investigación dos eidos da IA e da informática, de problemas medioambientais, e da investigación ética, social e económica”.
