Juan Villoslada (Sumar) visita o CITIC da UDC e reivindica un Erasmus con América Latina
venres, 24 de maio do 2024
Juan Villoslada, candidato ás eleccións europeas por Sumar Galicia, visitou este venres 24 de maio o Centro de Investigación TIC da UDC, no Campus de Elviña, onde reivindicou a creación dun programa Erasmus entre Europa e Latinoamérica: “As investigadoras e investigadores galegos son os únicos que dominan dous idiomas que conectan ambos continentes, e isto é unha vantaxe comparativa que non se está a aproveitar, e que permitiría dotar á nosa comunidade universitaria dunha proxección única”.
Á súa visita ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da UDC serviu tamén para por enriba da mesa a importancia de dota convenientemente á comunidade investigadora, aumentando ata 2% do PIB o financiamento ás universidades e o 3% do PIB ao I+D, garantindo que a investigación e a innovación tecnolóxica estean no centro do debate político e na vangarda da vida universitaria, e garantindo a necesaria transferencia tecnolóxica ao sector produtivo, tres das importantes liñas de traballo que Sumar Galicia pon sobre a mesa de debate de cara estas vindeiras eleccións europeas, e que Juan Villoslada puña sobre a mesa na súa visita ao CITIC da UDC.
“Este centro é punteiro no sector das TIC, pero para que as universidades galegas poidan acadar todo o seu potencial e garantir a mellor formación á nosa mocidade é preciso investir”, explicaba o candidato, que apuntaba á necesidade de “reindustrializar Galicia cunha perspectiva sostíbel e competitiva”.
Na súa opinión, “somos unha potencia TIC”, e proxectos e iniciativas concretas como a sede da AESIA na Coruña ou a nosa formación universitaria en Intelixencia Artificial, compartida polas tres universidades galegas, non fan máis que referendalo e subliñalo. O candidato de Sumar Galicia, que visitou as instalacións acompañado do seu director, Manuel González Penedo, ten claro que boa parte do futuro de Galicia en Europa pasa por “lograr afianzar a transmisión de coñecemento e a investigación que as nosas universidades desenvolven cada ano, e que supón unha das nosas maiores riquezas culturais, cun enorme potencial de futuro, tanto económico como de desenvolvemento”.
Ao seu xuízo, o CITIC leva dende 2008 demostrando que a universidade pública en Galicia “é competitiva, punteira e ten os pes ben ancorados na nosa realidade, pero é imprescindíbel que as nosas políticas en Europa traballen da man da comunidade educativa: formamos a moitas das melloras investigadoras do mundo, pero para que todo o talento desas persoas non escape fora debemos ser capaces de pelexar para que as súas condicións de traballo sexan axeitadas e os seus proxectos teñan futuro dentro dos nosos centros, algo que pasa, necesariamente, por mellor financiamento e máis atención ao día a día do seu traballo”.