LG quere que falemos cos seus novos televisores

mércores, 3 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A semana pasada mencionamos que LG ía levar ao CES de Las Vegas o seu novo ThinQ Speaker, un altofalante que integraría o Asistente de Google, e agora vemos que esta liña de produtos é máis ampla, e tamén haberá televisores ThinQ que integrarán intelixencia artificial para poder atender ás ordes a viva voz que realice o usuario, que poderá falar directamente ao mando a distancia, non só para controlar o televisor, senón tamén para funcionar con diferentes elementos de domótica compatibles, como robots de limpeza, lámpadas, altofalantes...
De cara ao consumo audiovisual o uso da tecnoloxía DeepThinQ dos novos televisores de LG tamén suporá unha interesante achega, xa que grazas ao procesamento de linguaxe natural o usuario poderá realizar buscas a viva voz, de xeito que poderán pedirlle ao televisor uns contidos específicos, ou incluso buscas máis complexas (como preguntarlle polas películas protagonizadas por un actor en concreto).
Con ThinQ AI o televisor tamén recibirá e interpretará a información que chegue a través da guía electrónica de programación (EPG) para poder saber o que se está a emitir, de xeito que poderemos preguntarlle ao televisor pola banda sonora da película que estamos a ver, ou pedirlle que se apague ao rematar o programa actual.
O novos televisores de LG tamén inclúen un procesador α 9 para achegar unha maior calidade de imaxe nos novos televisores OLED do fabricante surcoreano, xa que este procesador de imaxe aplica procedementos de redución de ruído, mellora o rendemento das cores (para aproximalas ás cores reais) e incluso pode traballar con vídeo a 120 imaxes por segundo, conseguindo que as retransmisións deportivas e as película de acción poidan verse aínda máis claras.

PUBLICIDADE