LastPass permite sincronizar contrasinais en varios dispositivos de balde

mércores, 2 de novembro do 2016 Marcus Fernández

O uso de contrasinais complexos e mudalos con certa frecuencia é cada vez unha política de seguridade máis recomendada, pero pode resultar demasiado complicada de levar á práctica sen axuda, de aí que existan aplicacións de xestión de contrasinais como LastPass, que vén de dar un importante salto para a súa popularización xa que a partires de agora xa non é preciso contratar o seu servizo Premium para poder gozar deste sistema en varios dispositivos (ordenador de sobremesa, portátil, tableta ou teléfono) que sincronizaranse para que cando gardemos un contrasinal nun trebello estea dispoñible de xeito instantáneo no resto.
O servizo persoal de balde de LastPass xa incluía un xerador de contrasinais (coa posibilidade de que estes muden de xeito automático para unha maior seguridade), a posibilidade de gardar e completar contrasinais en formularios web (para o que conta con extensións para os principais navegadores web) e, a partires de agora, sincronizar esta información entre un número ilimitado de dispositivos.
O servizo Premium, que custa 12 dólares/ano, inclúe prestacións adicionais como carecer de publicidade, funcionar en aplicacións e incluso facilitar a identificación mediante pegada dixital no equipo de escritorio.
Actualmente existen numerosas solucións de administración de contrasinais, pero o feito de que unha ferramenta tan popular opte por ofrecer unha das súas características estrela da versión Premium totalmente de balde podería ser o empurrón que falta para que un número de usuarios masivo se anime a empregar unha aplicación como LastPass en ordenador e móbil.

PUBLICIDADE