Lugo acada 4,1 millóns para converterse en smart

mércores, 3 de agosto do 2016 Redacción

A alcaldesa de Lugo, Lara MéndezA iniciativa para converter Lugo nunha cidade avanzada, intelixente e sustentábel, o proxecto Lugo Smart City, vén de recibir un importante pulo para o seu desenvolvemento. Así o fixo saber este martes a alcaldesa Lara Méndez, que sinalou que o concello contará con 4,1 millóns de euros para afianzarse no ámbito smart con todo o que isto implica (máis eAdministración, máis eficiencia nos recursos, máis sustentabilidade). Deste orzamento, sinalou a rexedora, o 60% (uns 2,5 millóns) vén da man do Ministerio de Industria e Enerxía, través de Red.es (co co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), procedendo o 40% restante do Concello, máis de 1,6 millóns de euros, 822.560 euros para esta anualidade e outros 822.560 para a que vén.
Lugo Smart City levouse a cabo dende diversas concellerías, a de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, a de Concello e Cidadanía e a de Desenvolvemento Sostible, así como dende diversas áreas como o Centro de Empresas e Innovación. A alcaldesa tamén lembrou que a iniciativa acadou o aval de 11 institucións públicas e privadas, a Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago (Campus de Lugo), o Concello de Xixón, a Confederación de Empresarios de Lugo, a Federación de Comercio, a Asociación de Empresarias de Lugo e Telefónica, así como a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, a Fundación TIC e a Asociación Terras de Lugo.
Segundo engadiu Lara Méndez, estes apoios foron “decisivos” para a consecución do devandito pulo orzamentario e para a inclusión do proxecto smart local na II Convocatoria de Cidades Intelixentes. Xunto cunha ducia de programas análogos doutras localidades de todo o ámbito estatal, a iniciativa da Cidade da Muralla impúxose na Convocatoria entre 111 proxectos presentados. “A proposta de Lugo”, engadiu, “foi a única de Galicia presentada de xeito individual que acadou financiamento, pois A Coruña e Santiago presentaron unha plataforma conxunta con Madrid e Zaragoza, quedando en sexto posto”.
Tal e como manifestou a rexedora, con Lugo Smart City o Concello busca máis integración para “involucrar á cidadanía nos procesos administrativos do Concello, eficiencia para mellorar a prestación de servizos públicos locais con alta incidencia no cidadán a través de cambios nos modelos de xestión apoiados nas TIC; transparencia para facilitar o acceso, a consulta e o uso dos datos públicos dos servizos municipais e coordinación, para axilizar o traballo entre as áreas municipais a través da integración de servizos intelixentes”. Isto, sinalou, garantirá “axilidade, máis participación da veciñanza e un aforro para a administración e a cidadanía de 1,6 millóns de euros nun ano, aforro que se verá incrementado a longo prazo, chegando ata 8 millóns de euros en 5 anos, é dicir, o dobre do investido”.
Entre as liñas de acción fundamentais que acubilla este proxecto figuran as seguintes:
· Administración Electrónica, co que se pretende unificar todas as tarefas administrativas internas e de seguridade (985.000 euros)
· Plataforma de xestión intelixente de infraestruturas locais baseada no GIS (Sistema de Información Xeográfica) para a xestión administrativa, económica, urbanística, ocupación da vía pública, infraestruturas e mobiliario urbano (82.700€)
· Tarxeta intelixente. Incluiría ademais do pago de transporte urbano que xa se pode realizar a día de hoxe, o pago de taxas municipais ou a verificación de identidades en eAdministración, entre outras (190.000€).
· Portal de Transparencia. Fortalecemento do actual, posto en marcha o pasado mes de maio, que inclúa ademais un portal de Goberno Aberto ou indicadores de transparencia (80.450 euros)
· Xestión intelixente do aparcamento para 200 prazas, a través dunha rede de sensores sen fíos instalados no asfalto, que detectarán o peso dun vehículo, o que indicará que existe ou non unha praza libre de aparcadoiro a través dunha aplicación móbil, que contará cun sistema de guiado ata a praza libre máis próxima (267.000€)
· Xestión de refugallos sólidos urbanos, mediante o que se instalarán sensores de almacenamento conectados vía GPRS ou 3G nos colectores, principalmente para os do territorio rural, cun software central, “o que indicará se é preciso ou non pasar a recoller o lixo” (607.400€)

PUBLICIDADE