Luis Pérez Freire (Gradiant): “A segunda revolución cuántica representa para Europa unha oportunidade estratéxica”
martes, 27 de xaneiro do 2026
Falamos nesta entrevista con Luis Pérez Freire, director xeral do centro tecnolóxico Gradiant, emprazado en Vigo, co obxectivo de afondar nos detalles de Quorum Spain, unha revolucionaria alianza dirixida a transformar a industria (todos os sectores) con tecnoloxías cuánticas, seguras e disruptivas. Quorum Spain está co-liderado por Gradiant.
-Por que Galicia (xunto con País Vasco e Cataluña) está a liderar o polo cuántico en España?
-A explicación de porque Galicia xoga un papel esencial no polo cuántico de España explícase grazas á combinación de diversos factores, o primeiro é a súa capacidade científico-tecnolóxica acumulada, Galicia ten centros tecnolóxicos cun longo recorrido en investigación en tecnoloxías disruptivas do ámbito TIC e universidades cunha oferta académica e persoal investigador moi potente, e, por outro lado hai unha aposta institucional crecente pola deep tech, con miras a potenciar o desenvolvemento tecnolóxico propio, co CESGA como punta de lanza. Gradiant actúa como axente xerador de tecnoloxía e tractor de transferencia: incorpora as tecnoloxías cuánticas como unha das súas liñas estratéxicas de I+D desde 2020 e orienta o traballo a casos de uso en sectores como telecomunicacións, seguridade/defensa, industria, e saúde.
-No marco da alianza, que obxectivos se perseguen e como se articula a colaboración?
-Quorum preséntase como un ecosistema colaborativo de sete entidades apoiado polo CDTI para acelerar a innovación cuántica mediante a xeración e difusión de coñecemento especializado, a transferencia tecnolóxica, e o desenvolvemento de talento. Mediante esta actividade, este ecosistema impulsa a creación de empresas innovadoras e a identificación de casos de uso das tecnoloxías cuánticas actuais en sectores estratéxicos.
-Que diferencias presenta a Segunda Revolución Cuántica con respecto da primeira?
-A primeira revolución xerou tecnoloxías hoxe consideradas “clásicas” baseadas na cuántica (por exemplo o transistor, o láser ou a resonancia magnética). A segunda revolución cuántica supón un salto cualitativo. Non se trata só de entender como funciona a cuántica, senón de controlar fenómenos como a superposición ou o entrelazamento para captar, procesar e transmitir información dun xeito completamente novo. Isto abre a porta á computación cuántica, capaz de abordar certos problemas que son intratables para os ordenadores clásicos; ás comunicacións cuánticas, que permiten intercambios de información intrinsecamente seguros; e á sensórica cuántica, con dispositivos moito máis precisos para medir tempo, posición, campos electromagnéticos ou sinais moi débiles.
Para Europa, esta segunda revolución representa unha oportunidade estratéxica. Permite reducir dependencias tecnolóxicas, participar na definición de estándares globais e construír infraestruturas críticas propias, nun momento no que aínda non hai claros gañadores da “carreira cuántica”. A diferencia doutras revolucións tecnolóxicas recentes, neste caso Europa aínda ten a oportunidade der ser un líder global, con todo o que iso implica.
-Ademais de fármacos, que sectores en Galicia poderían beneficiarse a curto prazo?
-Comezamos a ver certas solucións “de inspiración cuántica” que, aínda sen dispoñer de computadores cuánticos como tal, empezan a aportar solución a problemas de optimización complexos, como os relacionados co descubrimento de fármacos. Alén diso, a curto prazo o máis “aterrizable” é a sensórica cuántica e as comunicacións seguras, nas que xa se está a investir a nivel industrial. No ecosistema ligado a Gradiant destacan as aplicación en seguridade, sector aeroespacial e defensa (por exemplo, a sensórica avanzada do espectro electromagnético), na saúde (novos dispositivos de diagnóstico baseados en sensores cuánticos) e nas telecomunicacións e ciberseguridade (preparación post-cuántica e integración con QKD).
-Como se prepara Galicia para as comunicacións cuánticas seguras (EuroQCI, IRIS2)?
-Cando dicimos que desde Europa aínda estamos en condicións de correr a carreira cuántica referímonos precisamente a iniciativas como EuroQCI ou IRIS2, entre outras, que xa están a desenvolver e despregar infraestruturas e servizos reais que deberán estar dispoñibles en 2030. Ambos son proxectos singulares a nivel europeo, e nos dous casos hai actores españois con papeis moi relevantes. Sen ir máis lonxe, en España hai empresas punteiras no eido do espazo ou da seguridade que contan con tecnoloxía propia, con algunhas delas participando directamente nas iniciativas mencionadas ou en iniciativas similares. En Galicia é de destacar o traballo que se está a facer desde CESGA e a Uvigo no eido das comunicacións cuánticas terrestres. No caso de Gradiant estamos a participar en proxectos de ámbito internacional no eido das comunicacións satelitais cun carácter máis a medio prazo, tratándose de evolucións dos sistemas que se están a despregar actualmente.
-Que riscos pode carrexar para Europa non acelerar a soberanía cuántica?
-O risco principal é a dependencia tecnolóxica (hardware, software, estándares e servizos) nunha das principais revolucións tecnolóxicas deste século, que se acabaría traducindo en perda de competitividade industrial e vulnerabilidade en ámbitos críticos (defensa, seguridade, finanzas, administración, infraestruturas). Non temos máis que pensar no que Europa está a experimentar actualmente en canto a dependencia tecnolóxica en ciberseguridade e IA, por poñer dous exemplos dominados por actores norteamericanos, para entender que non podemos permitirnos o mesmo coas tecnoloxías cuánticas.
Ademais, o avance en computación cuántica compromete os estándares criptográficos actuais, obrigando a migracións a gran escala que afortunadamente xa se están a planificar, aínda que o reto de adaptación aínda é grande.
-Como evitar que Galicia e España sexan só consumidoras de tecnoloxía cuántica?
-É necesario actuar en dúas dirección que son complementarias: por unha banda resulta clave reforzar a transferencia e a industrialización levando resultados de I+D a prototipos validados en casos de uso concretos e estes a produtos reais que permitan proporcionar servizos ao mercado, xa sexa a través de empresas consolidadas ou mediante a creación de novas iniciativas empresarias, nomeadamente spin-offs. Sen un tecido industrial forte e sen investimento suficiente o risco é claro: os proxectos en curso ou ben non teñen impacto ou ben acaban marchando fóra, e en ambos casos a tecnoloxía acaba chegando en forma de produto importado.
Por outra banda é imprescindible apostar pola propiedade industrial creando activos propios protexibles (como patentes) e aliñando a investigación e o desenvolvemento desde etapas temperás con necesidades e oportunidades detectadas, especialmente en sectores tractores da economía. Neste ámbito Gradiant destaca pola súa capacidade para capitalizar a propiedade intelectual xerada e por impulsar un modelo de reinvestimento que permite consolidar un ecosistema tecnolóxico sostible a medio e longo prazo.
-Que papel deberan xogar as políticas públicas e o investimento privado?
-As tecnoloxías cuánticas son un exemplo paradigmático de deep tech: alta complexidade tecnolóxica, grandes investimentos, necesidade de talento moi especializado, procesos lentos de maduración de tecnoloxía e mercado… É dicir, que para recoller os grandes beneficios dos que falabamos antes primeiro temos que facer apostas de alto risco.
O apoio do sector público é esencial nos elementos máis básicos como son as infraestruturas tecnolóxicas e programas de formación, así como atracción de talento especializado. Pero o sector público tamén pode e debe xogar un papel como axente de demanda temperá, axudando a organizar as cadeas de valor en torno a produtos e servizos innovadores baseados en tecnoloxías cuánticas, facilitando a construción e validación de prototipos industrializables, Para isto xa existen mecanismos como a compra pública precomercial/innovadora que cómpre aplicar de xeito máis sistemático.
O capital privado debe acompañar a aposta pública e investir más fortemente en industrialización de prototipos, creación de novas empresas cuánticas e escalado das mesmas, de xeito que a tecnoloxía creada en Europa (apoiada con fondos públicos europeos) se manteña en mans europeas ao tempo que xere negocio e riqueza. Temos que ser conscientes de que Europa inviste máis fondos públicos que EEUU en tecnoloxías cuánticas, pero en canto a investimento privado estamos unha orde de magnitude por debaixo. Esta aversión estrutural en Europa ao investimento en deep tech resulta ser un dos obstáculos máis salientables a solucionar se queremos ter posibilidades na carreira da que falabamos. Tan convencidos estamos disto que desde Gradiant propuxémonos axudar a cubrir parte deste gap co lanzamento do noso fondo de inversión en deep tech TRL13.
En calquera caso, e que resulta esencial é definir unha estratexia e folla de ruta compartida entre o sector público e o privado, e a estratexia nacional deep tech (en preparación) representa unha grande oportunidade neste sentido. Tamén hai unha oportunidade moi interesante no pulo que está a vivir o sector defensa e as prioridades de inversión pública en tecnoloxías duais.
-Falemos de retos para captar e reter talento cuántico en Galicia
-A captación e retención de talento cuántico en Galicia enfróntase a retos importantes nun contexto de competencia global moi intensa tanto en salarios como na capacidade de ofrecer proxectos punteiros. Unha dificultade engadida da cuántica é que non se trata dun único perfil profesional, senón que para acadar un impacto real é preciso construír equipos que combinen perfís de física, telecomunicacións, informática ou fotónica, todos eles de por si xa moi demandados.
Para facer fronte a esta situación é fundamental ofrecer carreiras profesionais atractivas tamén fóra do ámbito académico con proxectos de alto impacto tecnolóxico e conexión directa coa industria. Gradiant enfócase en crear equipos diversos e altamente cualificados que poidan asumir proxectos ambiciosos e de vangarda, que sumen valor ás súas carreiras profesionais non só desde a perspectiva puramente técnica, senón que lles axuden a converterse nos profesionais de referencia para xestionar as tecnoloxías cuánticas o día de mañá. Para isto é fundamental unha continuidade de financiamento que dea estabilidade e perspectivas a longo prazo ao talento especializado.
-Cales son as metas de Gradiant e Quorum para os vindeiros anos?
-No caso de Quorum o obxectivo pasa por consolidar o ecosistema cuántico creado durante o proxecto e asegurar a continuidade das sinerxías xeradas máis alá da súa finalización en 2026. Entre os socios actuais de Quorum xa se materializaron colaboracións a futuro que exceden o alcance da iniciativa inicial, de xeito que o reto principal consiste en ampliar estas colaboracións a outras entidades, nomeadamente empresas, coa visión de seguir desenvolver talento, tecnoloxía e casos de uso, avanzando así cara a unha estratexia de desenvolvemento industrial que tanxibilice os avances cuánticos.
Pola súa banda, Gradiant continuará reforzando o seu plan estratéxico 2025–2027 coa ambición de consolidarse como un centro de referencia en autonomía estratéxica en deep tech. Neste marco o centro seguirá traballando na maduración das tecnoloxías cuánticas nas que está inmerso, orientándoas a aplicacións concretas en sectores clave como seguridade, defensa, saúde e telecomunicacións e garantindo que a innovación xerada se traduza en valor económico e industrial sostible.
