Máis de 300 estudantes de 5 países participan esta finde no HackUDC 2025
xoves, 20 de febreiro do 2025
A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña (UDC) será a sede esta fin de semana dunha nova edición do HackUDC, que constitúe, en palabras da organización, “o maior hackathon de Galicia”. Desde o venres 21 de febreiro e ata o domingo 23 un total de 304 estudantes de 5 países e 75 localidades daranse cita na FIC, para traballar en equipo resolvendo retos tecnolóxicos formulados por empresas líderes do sector e competindo por premios que superan os 3.000 euros. O único requisito é que os proxectos presentados se realicen baixo unha licenza de software libre.
O evento, organizado polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), busca “fomentar a creatividade, a innovación e a colaboración na resolución de problemas tecnolóxicos en contornas reais”, sinalan dende a organización, engadindo que o HackUDC destaca “polo seu compromiso co software libre, promovendo o uso de solucións abertas e accesibles para todos”.
A cerimonia de apertura será o venres ás 19:00 horas no salón de actos da Facultade de Informática e contará coa presenza do reitor da UDC, Ricardo Cao, e a vicerreitora de Estudantes, María José Lombardía.
A UDC explica que as persoas participantes do HackUDC 2025 proceden de diversas titulacións universitarias e niveis educativos, e que a maior parte do alumnado pertence a graos e mestrados en Enxeñaría Informática, “pero tamén hai presenza significativa de estudantes de Telecomunicacións, Matemáticas, Física e outras disciplinas STEM”. Ademais, a competición acollerá alumnado de formación profesional e doutros niveis educativos, reforzando a diversidade e a aprendizaxe interxeracional.
No ámbito xeográfico, os participantes chegan de 5 países diferentes: España, Portugal, Italia, Francia e Alemaña. Tamén se contará con alumnado de 75 localidades distintas, “o que reflicte o crecemento e a proxección internacional do evento”.
Desde a súa primeira edición en 2023, o HackUDC triplicou o número de asistentes. A edición de 2025 contará cun espazo totalmente equipado con zonas de traballo, no que, ao longo da fin de semana, haberá charlas e mentorías a cargo de profesionais do sector. Os retos, formulados por empresas patrocinadoras, abordarán áreas como a Intelixencia Artificial, a ciberseguridade, a computación na nube e o desenvolvemento de aplicacións innovadoras. Aquelas solucións que mellor respondan ás necesidades expostas poderán optar aos premios económicos e a futuras oportunidades de colaboración con empresas do sector.
“O HackUDC 2025 é unha oportunidade única para que estudantes e profesionais conecten co ecosistema tecnolóxico galego e internacional, reforzando a UDC como un epicentro de innovación e talento tecnolóxico”, sinalan dende a Universidade, engadindo que nesta edición as persoas asistentes tamén disporán de actividades paralelas que fomentarán o networking e a cooperación entre alumnado, profesorado e representantes de empresas. Haberá espazos dedicados á experimentación con novas tecnoloxías e exposicións de proxectos destacados en edicións anteriores.
O evento conta co patrocinio das empresas e entidades Gradiant, Denodo, Nomasystems Kelea, InditexTech, Managament Solutions, Dinahosting, e a cátedra CICAS (SNGULAR). Tamén colaboran AMTEGA, AstroCafé, GADIS e Perusiñas.