María José Talavera recibirá o Premio Ada Byron do CPEIG

martes, 13 de xuño do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de dar a coñecer o nome da profesional que este ano vai ser distinguida co seu Premio Ada Byron, un galardón co que a entidade profesional quere facer visíbel o traballo da muller no ámbito informático. Segundo informou o CPEIG, o premio irá dar este ano a mans de María José Talavera, directora xeral de VMware Iberia. O Premio Ada Byron, que homenaxea no seu nome á investigadora considerada como a primeira programadora (buscando reivindicar a súa figura e visualizar, por extensión, a longa listaxe de mulleres innovadoras e científicas eclipsadas polos homes ao longo da historia), será entregado no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, este venres 16 en Santiago.
María José Talavera é na actualidade a directora xeral de VMware Iberia. Desde as oficinas de VMware en Madrid, encárgase de reforzar o liderado da compañía no mercado da mobilidade e dos servizos na nube, así coma o desenvolvemento de negocio de VMware en España e Portugal.
Licenciada en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid, comezou a súa andaina profesional no sector TI en Lambda Internacional, unha multinacional americana de consultaría de TI. Posteriormente, María José Talavera incorporouse á división Data Management de IBM, primeiro na área de servizos e despois na área de Software. Máis tarde, converteuse na responsábel de vendas de Software para o Sector Financeiro en IBM e despois na responsábel de Vendas Globais para BBVA en IBM, onde se familiarizou coas negociacións en contornas internacionais.
No ano 2010, María José uniuse a Compuware, onde ocupou o cargo de directora xeral para España primeiro, e, a continuación, tamén para Portugal, até que se incorporou a VMware en marzo de 2012.
Ao longo de máis de 25 anos de experiencia laboral, a premiada co Ada Byron traballa con paixón por contribuír ao desenvolvemento competitivo das empresas a través da tecnoloxía e coa consideración da importancia do factor humano para conseguilo, “froito da crenza de que a diversidade nos equipos reflicte mellor a realidade da vida e contribúe de forma significativa á innovación”, segundo sinala a propia galardoada.
Quen foi Ada Byron
Ada Byron foi unha escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos. O CPEIG elixiu o nome desta brillante muller para nomear un dos premios que entrega anualmente.

PUBLICIDADE