Mario Kart Tour deixará de recibir contido novo

luns, 11 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos anos Nintendo quixo trasladar o seu éxito a dispositivos móbiles, aproveitando o xigantesco volume de negocio que teñen os xogos para teléfonos e tabletas, pero aínda que conseguiron volumes de descargas máis que aceptables, os ingresos producidos non xustificaban en absoluto sacrificar potencialmente vendas de consola, coas que acadan moitos máis cartos por usuario.
Non sorprende así que Nintendo estea en retirada do negocio móbil, pero si que resulta un tanto rechamante que agora fagan tal co seu mellor lanzamento móbil, Mario Kart Tour, que está a informar aos seus usuarios do seu calendario de actualizacións, advertindo de que a partir do 4 de outubro o contido das tempadas consistirá unicamente no que aparecese en tempadas anteriores, ou sexa, que non se incorporarán novos circuítos, pilotos ou vehículos, de xeito que podemos entender que estamos ante o comezo do fin do Mario Kart para móbiles, que continuará a funcionar, pero sen recibir actualizacións.
Queda por ver se a longo prazo tamén retirarán o xogo das tendas de aplicacións, algo que parece previsible, xa que non son poucos os usuarios que poden conformarse coa experiencia móbil e así non mercan a versión para a consola de Nintendo que estea vixente en cada momento. Ou sexa, que é bastante probable que o Mario Kart Tour estea a preparar a súa despedida para que, cando chegue a consola sucesora da Nintendo Switch (previsiblemente o ano que vén) os xogadores merquen unha vez máis o Mario Kart (que segue a ser o xogo estrela de cada xeración de consolas da compañía nipoa).

PUBLICIDADE