Meet IA achegou pautas sobre como incorporar a intelixencia artificial (con éxito) ao noso negocio

venres, 22 de novembro do 2024 S. P.

Coa Intelixencia Artificial (IA) como eixo central xurdiu a 1ª edición do encontro Meet IA. Con vocación de futuro e pensando no futuro, organizado este xoves 21 en Vigo polo Círculo de Empresarios de Galicia co apoio da operadora galega R e Abanca. No Meet IA achegouse unha visión integral e práctica da pegada da IA na contorna das empresas na actualidade. Participaron expertas/os en tecnoloxía e líderes empresariais de diversos sectores, expoñendo casos prácticos sobre como están implantando a IA nas súas compañías. Asistiron (presencialmente) máis de 100 persoas no Auditorio Abanca e máis de 200 conectadas online.
A encargada de abrir o evento foi María Borrás, presidenta do Círculo, quen sinalou “que a IA está a revolucionar a maneira en que as operamos e tomamos decisións”, afirmou, achegando datos do informe Uso de Intelixencia Artificial e Big Data nas empresas españolas do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, onde se sinala que para 2030 o 75% das empresas na Unión Europea adoptarían servizos de computación na nube, macrodatos e tecnoloxías intelixentes. Por tanto, “transfórmase nunha ferramenta clave e tamén nunha saída laboral porque a maioría dos postos máis demandados están relacionados con estas contornas tecnolóxicas”, sinalou.
Na benvida, presentada por Pablo López, coordinador do Foro de Tecnoloxía e Innovación do Círculo, acompañaron á presidenta do Círculo Juan Manuel Sánchez-Quinza, director executivo de Transformación e PMO de Abanca; e Alberto Díaz, xestor de produto Big Data e IA de R MasOrange. Ambos coincidiron en sinalar á IA como “fundamental no desenvolvemento das empresas, animando ás firmas galegas a incorporar todas as posibilidades da tecnoloxía”.
Pola súa banda, Jorge García Romarís, director de análise de datos de Abanca, analizou no seu relatorio Estendendo o uso da IA na empresa todas as claves para incorporala con éxito e debuxou un panorama internacional onde os investimentos “nunca tiveron este precedente, incluso superando as vacinas contra a COVID”. Estima en 400 billóns de dólares o investimento xerado polas 5 grandes tech en IA, para construír data centers e mesmo centrais nucleares para alimentalos pola gran cantidade de enerxía que consumen. O experto sinalou que “máis do 80% dos proxectos empresariais con IA fracasan, porque a maioría limítanse a un primeiro escenario no que falta avanzar en materia de datos”. Ve “fundamental” incorporala como parte do negocio porque “pasará a ser core”, e apunta como clave traballar con datos, “porque sen eles non funciona”, definir a súa arquitectura, desenvolver un modelo correctamente e automatizar, lembrando sempre que “quen mellora é o ser humano, non a IA”.
A continuación, celebrouse o Panel de casos de uso reais, no que participaron Juan Manuel Sánchez-Quinza, de Abanca, Alberto Díaz de R MasOrange, Luis de Valdés de Canon, Roque Varela de Merchant Union e Pablo Rodríguez de Hermasa, que achegaron a visión desde as súas compañías respecto as solucións da IA. En Abanca e R destacáronse os procesos de intercambio con clientes e servizos, en Canon a clasificación de datos e documentos, en Merchant Union simulacións e predicións a través dun xemelgo dixital e en Hermasa, procesos de optimización de produto na industria conserveira.
No Panel de tendencias futuras, interviñeron Amparo Alonso, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e investigadora do CITIC, Alfonso Gutiérrez, presidente de Visual MS, Laura Rodríguez como responsábel de proxectos de ITG e Daniel Dacuña como director executivo (CEO) de Carina IA. Amparo Alonso debullou os principais eidos de traballo no seu departamento, desde avanzar no desenvolvemento do binomio IA-ética, os rumbos, conseguir que os sistemas adquiran unha aprendizaxe continua sen necesidade de adestramento e os algoritmos verdes, é dicir, optimizar a contorna para consumir menos datos e enerxía. Todos coincidiron na importancia dos datos, “non se pode falar de IA sen unha contorna de datos confiábel e segura”, afirmou Laura Rodríguez. Por último, abordáronse os mitos e realidades da IA por parte de Raquel Maquieira, de Embermind Technologies, Miguel Ouro de NTT Data e Alberto Bugarín, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia.