A semana pasada Microsoft anunciaba que estaba a preparar unha nova versión do seu navegador web Edge para deixar de empregar tecnoloxía propia e basearse no proxecto de código aberto Chromium, buscando así mellorar a compatibilidade con páxinas web que nos últimos anos optimizáronse para o Chrome de Google.
Aínda que haberá que agardar a primeiros de 2019 para probar o novo Microsoft Edge, veñen de adiantar detalles moi prometedores do novo navegador web, como o feito de que pretenden que sexa compatible coas actuais extensións para Chrome, que non abandonarán a anterior tecnoloxía de Edge para manter a compatibilidade coas aplicacións web universais (incluíndo as que están na tenda de aplicacións), pretenden soportar aplicacións web progresivas (que poderán instalarse directamente dende o navegador, sen ter que recorrer á tenda de aplicacións) e procurarán que o novo Microsoft Edge chegue a todos os dispositivos de Microsoft, ou sexa, que podería chegar a Xbox One.
De cumprirse os obxectivos marcados por Microsoft o seu navegador web podería conseguir que a meirande parte dos usuarios de Windows 10 empreguen Edge de xeito regular, e só recorresen a Chrome no caso de querer tirar proveito da sincronización das contas de Google.
Microsoft Edge será compatible coas extensións de Chrome
Compartir Este Artigo
