Minia Manteiga (CITIC) e Senén Barro (CiTIUS), membros do novo Consello Asesor de I+G+i de Galicia

mércores, 15 de outubro do 2025 S. P.

A Xunta de Galicia designou finalmente as 12 persoas expertas que formarán parte do novo Consello Asesor de Investigación e Innovación de Galicia (I+G+i), entre as que se atopan referentes do ámbito das novas tecnoloxías da información como por exemplo Minia Manteiga, investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC (experta en astrofísica computacional e ciencia de datos), ou Senén Barro, director científico do CiTIUS da USC.
Este órgano consultivo ten como obxectivo reforzar o avance da ciencia, a investigación e a innovación en Galicia, ofrecendo asesoramento especializado á Administración autonómica na definición de estratexias e prioridades en materia de I+D+i. Ademais, participará na elaboración da nova Lei de Ciencia e Innovación de Galicia.
O Consello estará composto por profesionais de recoñecido prestixio dos ámbitos académico, científico e tecnolóxico, tanto galegos como internacionais.
Fortalecendo a colaboración entre investigación e empresas
Minia Manteiga reforza con este nomeamento o seu papel como referente en astrofísica computacional e ciencia de datos, áreas nas que o CITIC é centro de excelencia. A súa participación contribuirá a fortalecer a colaboración entre institucións académicas, centros de investigación e o tecido empresarial galego, impulsando un modelo de desenvolvemento baseado no coñecemento e na innovación.
Para a catedrática da UDC, a súa experiencia permitiralle “aportar unha visión interdisciplinar sobre como a tecnoloxía e a análise avanzada de información poden impulsar a investigación e a innovación en Galicia, contribuír en áreas estratéxicas de desenvolvemento, favorecer a transferencia de coñecemento e promover políticas que reforcen un sistema de I+D+i aberto, sostible e competitivo”.
Tal e como subliña a investigadora do CITIC, “o persoal científico e tecnolóxico que integra este órgano pode contribuír a impulsar áreas nas que Galicia é referente, como é o caso da biotecnoloxía, así como aquelas nas que existe potencial para chegar a selo, como o desenvolvemento espacial”. Este impulso, engade, pasa por “reforzar as condicións laborais e as perspectivas de futuro en ciencia. Investir en persoal científico fortalece o sistema de I+D+i de Galicia e impulsa o progreso económico, social e cultural da comunidade”.
Referente en ciencias da computación e IA

Senén Barro na entrada do CiTIUS fotografado por Andrés Ruíz

Tamén formará parte do Consello Asesor Senén Barro, director científico do CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Barro é investigador e profesor en Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial. Licenciado en Física e doutor en ciencias da computación, foi reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 2002 e 2010 e presidente do comité organizador da Conferencia Europea en IA (en dúas ocasións: ECAI2020 e ECAI2024), o evento científico europeo máis importante no eido da IA e un dos máis importantes do mundo. Entre os proxectos máis importantes que actualmente dirixe Senén Barro están: NL4XAI, unha rede europea para a formación de investigadores en IA explicable; o proxecto Nós, de desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas para o galego; e a Cátedra USC-Plexus de IA aplicada á Medicina Personalizada de Precisión.
Xunto con Minia Manteiga e Senén Barro, o novo Consello Asesor de Investigación e Innovación de Galicia estará formado por un total de doce persoas expertas de recoñecido prestixio. Entre elas atópanse o catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo; a catedrática da UVigo Concepción Paz; e a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda.
No ámbito das políticas públicas de I+D+i participan o director xeral da Fundación Cotec para a Innovación, Jorge Barrero; o exdirector xeral de Agricultura e de Investigación da Comisión Europea, Cuqui Silva; e Paloma Domingos, directora adxunta da Fundación Xeral do CSIC.
O sector da innovación e do emprendemento está representado por Jesús Lago, director xerente do centro tecnolóxico Aimen; Santiago Domínguez, CEO de Mestrelab Research; Sara Rodríguez, CEO de Hermasa Canning Technology; e Sonia Martínez, doutora en Bioloxía Molecular e fundadora de Batea Oncology.
O órgano contará ademais coa participación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, que exercerá a secretaría do Consello.