Minia Manteiga, distinguida co Premio 8 de Marzo outorgado polo Concello de Negreira

martes, 15 de marzo do 2022 S. P.

A investigadora do CITIC Minia Manteiga foi recoñecida co Premio 8 de Marzo, que concede o Concello de Negreira xunto co Centro de Información á Muller (CIM) de Negreira co obxectivo de “recoñecer o traballo e o papel das mulleres do municipio ao longo da historia”. Manteiga recibiu esta distinción no Día da Muller polas súas achegas á ciencia e o seu papel á hora de reivindicar á muller neste ámbito. O galardón, que chegou á súa sétima edición, entregouse (precisamente) o pasado este 8 de marzo ás 19.30 horas no auditorio do Centro Sociocultural de Negreira.
Minia Manteiga é a primeira catedrática de Astrofísica de Galicia e a cuarta académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias. Ademais, é vicepresidenta da Sociedade Española de Astronomía e foi presidenta do Grupo de Astrofísica da Real Sociedade Española de Física. Forma parte tamén do Grupo Galego da Misión Espacial Gaia, un ambicioso proxecto da Axencia Espacial Europea que ten como obxectivo crear un mapa tridimensional da Vía Láctea.

PUBLICIDADE