Mugardos acolle esta fin de semana o décimo Ciberencontro-Kernel 2013

venres, 20 de setembro do 2013 Redacción

Este venres daba comezo o X Ciberencontro Concello de Mugardos- Kernel 2013, un encontro lúdico-tecnolóxico que se leva a cabo na Casa da Cultura do concello ferrolán dende o ano 2004. Cómpre dicir que esta actividade está organizada conxuntamente pola Asociación Comunidade O Zulo e o Concello de Mugardos chegando ao seu fin este domingo 22 de setembro. Os asistentes a este ciberencontro atoparanse co software libre -que conta cun espazo de seu- amais de numerosas actividades no programa do Kernel. Así, hoxe, a partir das 20:30 horas terá lugar o Drupal BoF, unha reunión informal na que os participantes compartirán experiencias sobre o xestor de contidos libre Drupal, e ás 22:00 horas será a quenda da Raspberry Party.
Mais o prato forte chega mañá sábado 21 de setembro, pois a partir das 12:00 terá lugar, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a celebración do Día da Liberdade do Software conxuntamente con GALPon. E en que consiste este acontecemento? Trátase dunha celebración a nivel mundial adicada á exaltación e promoción da programación aberta, que se vén celebrando o terceiro sábado de setembro dende o ano 2004. O principal obxectivo é concienciar ao público sobre os beneficios de empregar este tipo de tecnoloxías de alta calidade tanto en ámbitos empresariais coma en administracións públicas, educativas ou nos mesmos fogares. Engadir que a organización sen arela de lucro Software Freedom International coordina esta celebración a nivel global dando soporte e puntos de colaboración ao evento, sendo os voluntarios e asistentes os que axudan a que esta celebración teña impacto nas comunidades.
Informar que para ter praza neste Ciberencontro é preciso inscribirse, mais non é preciso para acudir aos relatorios.