MultiVersus anuncia a súa despedida

venres, 31 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Warner Bros Games leva dende 2022 tentando replicar o éxito dos Smash Bros. de Nintendo co seu MultiVersus, xogo de loita en plataformas que destacaba polo seu variado cadro de loitadores, de xeito que podiamos mesturar a personaxes do Universo DC como Superman, Batman, Wonder Woman, Harley Quinn, o Joker ou Black Adam, con personaxes de series de televisión de acción real (como Arya Stark de Juego de Tronos), personaxes de películas (o Axente Smith de Matrix, Jason de Venres 13, Gizmo de Gremlins...) e moitos outros personaxes sacados de series de animación como Scooby Doo, Las Supernenas, Steven Universe, Hora de Aventuras, Samurai Jack...
A fórmula prometía ser todo un éxito, pero tras perder o seu pulo inicial tivo que relanzarse en 2024, sen chegar a conseguir un volume de xogadores que fixese rendible o seu modelo de negocio baseado no free-to-play, polo que agora anuncian que a súa quinta tempada, que se desenvolverá entre o 4 de febreiro e o 30 de maio e incorporará a Aquaman e a Lola Bunny, será a derradeira do xogo.
MultiVersus botará o peche dos seus servidores en liña o 30 de maio, pero o xogo, por fortuna para os usuarios que lle pillaran o gusto, continuará a estar dispoñible para o seu uso fóra de liña, permitindo ao xogador competir contra a máquina ou contra até 3 amigos en local. Os xogadores conservarán todos os contidos que tivesen gañado ou mercado anteriormente.
A partir de agora as transaccións económicas xa non están dispoñibles para este xogo, que poderá seguir a descargarse para PlayStation, Xbox e PC até o remate da súa quinta tempada.
O adeus dun videoxogo nunha é unha boa nova, pero cada vez é máis frecuente que cando un título orientado ao xogo en liña queda abandonado, se é posible, se lle dea un peche que permita a súa preservación facilitando o xogo fóra de liña. Unha práctica que é toda unha mostra de respecto para xogadores, desenvolvedores e a propia historia da industria dos videoxogos.