Mundos Digitales abre as portas á creación dixital

xoves, 3 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Esta mañá abriu as portas o PALEXCO da Coruña para iniciar a edición número 23 do congreso internacional de animación, efectos visuais e novos media Mundos Digitales, que se desenvolverá ata o vindeiro sábado con numerosas actividades propias do ámbito da creación dixital, para servir de punto de encontro para profesionais, investigadores, estudantes e empresas que queiran estar á última.
Nesta primeira xornada, concretamente na sesión matinal, o director de Skydance, Carlos Baena, realizou unha presentación na que compartiu a súa experiencia persoal no mundo da animación e o cine como animador e director; o director de Spatial Voyagers, Edgar Martín-Blas, deu conta da impresionante experiencia que desenvolveron en PortAventura mesturando o mundo real co virtual; Ignacio Pol (Control Studio) achegou aos asistentes aos efectos especiais que desenvolveron para un dos últimos éxitos de Netflix, El Eternauta; e a desenvolvedora galega Cristina García (Merge Games) desenvolveu un concorrido obradoiro para introducir aos presentes no deseño de niveis, e máis concretamente na base do blocking, na que se definen e validan as bases de construción do mundo dun videoxogo.
Na sesión de tarde tiveron lugar relatorios moi diversos, entre os que podemos destacar o de Agustín Cossa, quen deu conta do estado actual da produción virtual; ou o dun par de integrantes de Entropy Studios, que exploraron os efectos visuais da serie Olympo.
Paralelamente a estas actividades realizouse a proxección dos finalistas do Festival Internacional de Animación integrado en Mundos Digitales, puideron comprobarse en vivo distintas tecnoloxías actuais no showroom do evento e, como xa é habitual no congreso, tivo lugar a Feira de Emprego, que consolídase como unha das meirandes de Europa, tanto polo número de empresas como de aspirantes que asisten, para establecer uns contactos tan necesarios para a revitalización deste sector profesional.
Entre as demostracións presenciais presentes no recinto de PALEXCO destaca a de ScanMeNow, nova empresa coruñesa que amosaba en primicia un escáner tridimensional para crear avatares virtuais de persoas a través de sistemas de intelixencia artificial. Este dispositivo ten unha estrutura esférica na que están dispostas máis dun cento de cámaras que rexistran a figura dunha persoa para así poder replicala e introducila nunha escena virtual tridimensional ou para moitos outros usos que dependerán da imaxinación de quen precise desta solución tecnolóxica que nos vindeiros meses probablemente veremos aplicada ao mundo da moda, a museos ou incluso a casamentos e todos tipo de eventos presenciais que queiran causar impacto.

O evento mantén unha ampla participación de público e profesionais
Cristina García (Merge Games) atraeu a numeroso público ao seu obradoiro sobre blocking
No recinto de PALEXCO poden comprobarse en vivo distintas solucións tecnolóxicas durante toda a celebración do congreso
A Feira de Emprego segue a ser un dos sinais de identidade de Mundos Digitales