Nabiza Girl salta á animación en stop motion coa webserie Así falamos, así sentimos
xoves, 14 de marzo do 2024
Nabiza Girl, superheroína creada pola actriz Isabel Risco, dá o chimpo ao mundo audiovisual grazas a Así falamos, así sentimos. Trátase dunha serie de técnica stop motion protagonizada por este personaxe que arrinca a súa emisión en diferentes redes sociais esta mesma semana. Con esta nova iniciativa audiovisual, lanzada pola produtora coruñesa Algarabía Animación e apoiada pola Deputación da Coruña a través das súas axudas á produción de proxectos singulares de especial interese, a superheroína creada e interpretada por Risco continúa a explorar novos formatos.
Faino tras unha longa traxectoria nos escenarios e despois da publicación en 2023 de Operación Breogán, fanzine publicado por Demo Editora, asinado pola propia actriz xunto ao ilustrador Manel Cráneo e o guionista Carlos Ares e cuxo lanzamento coordinou Marta Horjales.
Este grupo creativo volve unirse neste 2024 para sumar o seu talento ao de Algarabía Animación, produtora encabezada por Tomás Conde e Virginia Curiá. Así, Ares asume a coordinación de guión xunto a Risco (quen tamén lle pon a voz a Nabiza Girl), Manel Cráneo encárgase da dirección de arte e Marta Horjales desenvolve funcións de coordinacións nunha serie que nace co obxectivo de reforzar a identidade galega entre a mocidade, cun ton natural e desenfadado. A súa difusión, co obxectivo de chegar ao público novo, levarase a cabo a través das redes sociais. Concretamente Instagram e Tiktok. Destacar que o grupo coruñés Tiruleque ponlle a música á serie e que Laura Blanco Caramés é a responsábel dos decorados e mais do atrezzo.
A serie está dirixida ao público familiar e adolescente co obxectivo de motivalo para o uso da lingua. Así, os episodios poñen o foco principalmente nun aspecto concreto da situación idiomática en Galicia: a influencia que ten o galego sobre o castelán falado. Así, explican dende a produtora, a idea é xogar a inverter unha perspectiva frecuente do debate lingüístico (que adoita xirar habitualmente sobre a pegada do castelán sobre a nosa fala) para “chamar á reflexión e pór en valor a potencia expresiva do galego, mesmo en ámbitos que adoitan serlle hostil”. Mostras deste leitmotiv atópanse xa nos títulos de cada episodio, bautizados con palabras como Reseso, Pota, Esnafrar, Esmagar, Cheirar ou Refugallo. O primeiro deles está dispoñíbel nas redes e os próximos episodios emitiranse nos seguintes días: sábado 16, martes 18, venres 22, luns 25 e mércores 27.