Netflix estrea a posibilidade de descargar contidos para poder velos sen conexión

mércores, 30 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que os servizos como Netflix caracterízanse por ofrecer vídeo baixo demanda a través de streaming, os seus usuarios veñen solicitando insistentemente dende os seus inicios a posibilidade de poder reproducir contido fóra de liña, para cando non se ten acceso á Rede, por exemplo, por estar de viaxe e non sexan posible (ou desexable) empregar conexións móbiles para a reprodución audiovisual, e finalmente atendeuse a petición dos usuarios e hoxe Netflix estrea a posibilidade de descargar contidos dende as súas aplicacións de iOS e Android.
Este nodo avión ou modo de viaxe resulta moi práctico, xa que antes dunha viaxe os usuarios poden descargar as series ou películas que desexen reproducir no camiño cando estean sen conexión á Rede ou non queiran esgotar a súa tarifa móbil de datos.
Dado que esta posibilidade precisa dunha contrato de licenza específico, non todos os contidos de Netflix están dispoñibles para a súa descarga en dispositivos móbiles, pero si os máis importantes, como a serie Strangers Things, Narcos ou Orange Is The New Black e filmes como Descifrando Enigma, Doom, Hijos de los Hombres ou Hotel Transilvania. Para gozar da posibilidade de descargar contidos temos que actualizar a aplicación de Netflix no noso smartphone ou tableta á última versión.

PUBLICIDADE