Netflix gaña preto de 6 millóns de subscritores tras tomar medidas contra as contas compartidas

venres, 21 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos meses o sector do streaming tiña a vista fixa en Netflix, xa que a plataforma de vídeo baixo demanda estaba a aplicar en distintos territorios medidas para loitar contra as contas compartidas fóra do ámbito doméstico, e aínda que dende Kantar chegaron a asegurar que en España as medidas supuxeron a perda dun millón de usuarios, non está nada claro de que a realidade sexa así, e internacionalmente as contas de Netflix sosteñen xusto o contrario: no segundo trimestre de 2023 Netflix gañou 5,89 millóns de subscritores de pagamento, contrastando cos 0,97 millóns de subscritores que perdera no mesmo trimestre de 2022.
Temos así que Netflix considera todo un éxito as medidas contra compartir contas, así como tamén os seus plans con publicidade, de xeito que a estratexia que até o momento estaba limitado só para dos territorios nos que Netflix está presente, pasa a aplicarse globalmente.
Cómpre salientar que o éxito do plan estándar con anuncios (que en España custa 5,49 euros/mes) é tal que nalgúns territorios Netflix xa suprimiu o plan básico (que en España custa 7,99 euros/mes) mantendo os plans estándar (a 12,99 euros/mes coa posibilidade de engadir máis usuarios por 5,99 euros/mes) e premium (a 17,99 euros/mes tamén coa posibilidade de engadir usuarios por 5,99 euros/mes).