Nieves R. Brisaboa, coordinadora da área TIC para proxectos internacionais da Axencia Estatal de Investigación

venres, 18 de marzo do 2022 S. P.

A investigadora do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) Nieves R. Brisaboa vén de ser nomeada coordinadora da área TIC para proxectos internacionais da Axencia Estatal de Investigación (AEI). En virtude deste recoñecemento, pasa a ser xestora da área científica de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC), en concreto, dentro do departamento de ciencias da computación e tecnoloxía informática.
Como colaboradora da Axencia Estatal de Investigación, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, Brisaboa realizará tarefas de avaliación e seguimento científico-técnico de actividades, proxectos, infraestruturas científicas e recursos humanos. A súa función, segundo informan fontes do CITIC, “será asesorar e colaborar na xestión, avaliación e supervisión dos programas e convocatorias da AEI, identificando os mellores proxectos, persoal investigador, infraestruturas e outros recursos, que reúnan méritos para ser financiados”. Así mesmo, oficiará de interlocutora entre a AEI e a comunidade científica do seu ámbito científico-técnico.
Nieves R. Brisaboa é catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña. En 2019 recibiu o Premio Nacional de Informática, concedido pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA. Foi xestora do Plan Nacional de I+D en Tecnoloxías Informáticas (TIN), xestora do Plan Galego de I+D+i (INCITE) de Sociedade da Información e coordinadora no ámbito das TIC do Plan Andaluz de I+D+i, entre outros cargos.

PUBLICIDADE