Nikon sorprende ao mundo cuns auriculares con visor de vídeo

martes, 7 de outubro do 2008 Marcus Fernández

As lentes de vídeo son un tipo de produto que leva moito tempo no mercado e non logra facerse cun espazo estable (posiblemente pola incomodidade do seu uso, e a fatiga que producen) polo que sorprende o produto que se anuncia hoxe: os auriculares Nikon UP300x, que inclúen un visor monocular para vídeos e conta cunha memoria interna de 8 Gb e conectividade Wi-Fi.
O sorprendente dispositivo de Nikon é compatible con son en formatos MP3, AAC e WMA para audio e WMV, MPEG-1 e MPEG-2 para audio, podendo tamén presentar contidos en HTML 4.01 con Flash 7 e JavaScript.

Non falta quen comenta que este novo trebello lembra aos visores que empregaban os guerreiros do espazo na serie de animación de Son Goku ou os que utilizaban Jean-Claude Van Damme e Dolph Lundgren en Soldado Universal, polo que queda claro que se trata dun dispositivo bastante raro do que se descoñece o público ao que irá dirixido.
O Nikon UP300x serve para escoitar música ou ver vídeos cunha sensación equivalente a mirar unha pantalla de 50 polgadas a 3 metros de distancia aínda que na práctica se trate dunha pantalla de 0,44 polgadas cunha resolución de 640 x 480 píxeles. Ten unha autonomía para vídeo duns 120 minutos e 270 minutos para audio, o seu peso é de 385 gramos e se venderá a partir de decembro no Xapón a 69.800 iens (418,8 euros) aínda que tamén haberá unha versión reducida que contará con só 4 Gb de memoria interna por 59.800 iens (358,8 euros).

A comparación do Nikon UP300x cos visores da película Soldado Universal é inevitable

PUBLICIDADE