Ningún ordenador de Apple ten potencia dabondo para facer funcionar unhas Oculus Rift
venres, 4 de marzo do 2016
Durante
moitos anos, á hora de comparar PC con Mac, non eran poucos os que apuntaban
que os equipos de Apple non eran bos para gozar de xogos, o que parecía que
estaba a arranxarse ultimamente con certas plataformas como Steam, que non
deixan aos Mac de lado, pero continuando a ter un volume de xogos moi reducido;
pero esta guerra de plataformas atopou agora un atranco inesperado: a realidade
virtual.
Aínda que 2016 é claramente o ano da emerxencia da realidade virtual, as
solucións como Oculus Rift non están dispoñibles para Mac, e a explicación que
deu nunha entrevista un dos fundadores de Oculus VR, Palmer Luckey, é moi
clara: sacarán
Oculus Rift para Mac cando Apple lance un ordenador bo dabondo para funcionar
coa súa realidade virtual.
As declaracións de Luckey están a provocar bastante rebumbio, pois non podemos
esquecer que a compañía da mazá ten equipos con gráficas dedicadas
relativamente potentes, pero é innegable que Apple non dá prioridade as
gráficas de alta gama, xa que os seus ordenadores non están dirixidos a
xogadores. Iso fai que entendamos as palabras do co-fundador de Oculus VR: “Poder
mercar un Mac Pro de 6.000 dólares cunha gráfica AMD FirePro D700 de alta gama,
e continuaría sen chegar ás nosas especificacións recomendadas”. Tras esta dura
crítica aos equipos de Apple, recoñece que a súa compañía estaría encantada de
traballar con Mac se finalmente lanzan algún ordenador óptimo para correr xogos
esixentes e poder así funcionar coa súa solución de realidade virtual.
Actualmente poden
reservarse distintos lotes de ordenador + Oculus Rift de varios fabricantes,
que parten de prezos de 1.499 dólares, ou sexa, que os ordenadores de 1.000
dólares serían dabondo para mover a realidade virtual, que curiosamente non
teñen equivalentes en potencia gráfica en todo o catálogo de Apple, xa que os
seus equipos están configurados dando prioridade a elementos distintos aos das
potentes nVIDIA GeForce GTX 970 cun mínimo de 4 GB de memoria que esixen as
Oculus Rift para procesar os seus esixentes gráficos.
Polémica entrevista a Palmer Luckey onde critica a pouca potencia dos ordenadores de Apple para os xogos e a realidade virtual
