No último trimestre Apple ingresou até 9.000 millóns de dólares menos do esperado

xoves, 3 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos meses eran moitas as informacións que daban conta da redución da produción dos novos iPhone atendendo a movementos na súa cadea de subministros, mentres Apple rexeitaba comentar as malas novas ao redor da compañía, até agora, que de cara á presentación dos seus resultados trimestrais decidiron suspender as súas actividades no mercado bolsista para anunciar unha redución na súa previsión de ingresos que podería chegar aos 9.000 millóns de dólares. Para explicar a situación Tim Cook publicou unha carta aos investidores anticipando algúns datos e apuntando ás causas desta caída en vendas.
Cook asegura que prevén uns ingresos (para o trimestre que remata o 29 de decembro) duns 84 mil millóns de dólares, cando hai só un par de meses sostiñan que poderían conseguir entre 89 e 93 mil millóns, o que é unha diferenza máis que considerable, sendo tamén salientable o feito de que a empresa de Cupertino non tivera que lanzar unha advertencia semellante dende xuño de 2002 (cando axustaran os ingresos de 1.600 a 1.400 millóns de dólares).
As causas da caída de ingresos consideran que é tanto macroeconómica como propia da compañía. Fixan 4 grandes motivos desta crise:
- O calendario. O iPhone X lanzouse no último trimestre de 2017, mentres que os novos iPhone repartíronse entre dous trimestres, o que dificultou as comparacións.
- A fortaleza do dólar.
- O lanzamento de demasiados produtos novos no mesmo trimestre.
- A debilidade económica de certos mercados emerxentes, que foi mal ponderada.
Pese ao grande impacto que puido ter a macroeconomía, os factores internos aducidos son claramente culpa da propia Apple, que tivo un ano moi irregular, o que finalmente pasoulle factura. Tamén sorprende que tardasen en decatarse algo que predicían todos os analistas: o programa de substitución de baterías dos iPhone a prezo reducido facía que os usuarios percibisen que tiñan un móbil renovado, disuadíndoos de renovar o seu terminal.
Cando falamos dos problemas en mercados emerxentes, estamos a falar especialmente de China, país que nos últimos anos convertérase nun dos principais mercados para Apple, e precisamente foi onde experimentaron unha impresionante caída, froito da ralentización económica do país na segunda metade do ano, como da guerra comercial entre China e EE.UU.
Dado que moitas das causas apuntadas por Apple estaban bastante claras hai un par de meses, non é de sorprender que un despacho de avogados estadounidense (Bernstein Leibhard LLP) estea a anunciar unha investigación sobre se Apple tería cometido fraude ao informar aos investidores, destacando que hai tres meses Cook asegurara que tiveran un forte trimestre en China, cun crecemento do 16%, cando agora apuntan o contrario.
En calquera caso, os resultados trimestrais de Apple non se presentarán oficialmente até o 29 de xaneiro, cando poderá saberse máis das medidas que tomará a compañía da mazá para paliar a actual situación.

PUBLICIDADE