Nova alianza tecnolóxica a prol dunha sociedade inclusiva

mércores, 27 de xullo do 2022 Redacción

A Rede Galega de I+D+i de Tecnoloxías de Apoio para unha Sociedade Inclusiva presentouse esta mañá no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC). A finalidade deste grupo de traballo interdisciplinar, promovido por axentes científicos como o propio CITIC, colexios profesionais como o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e máis de dez entidades galegas do terceiro sector, é poñer as TIC ó servizo de persoas maiores e con discapacidade para mellorar a súa calidade de vida. A Rede, aberta a calquera iniciativa que aporte valor engadido no ámbito das TIC, encargarase de desenvolver proxectos tecnolóxicos innovadores e inclusivos.
O acto de presentación tivo lugar esta mañá no CITIC da UDC e contou coa asistencia de diferentes representantes dos axentes promotores da Rede de I+D+i, e institucionais como o Reitor da UDC, Julio Abalde; e o director xeral de Maiores e Atención Socio-sanitaria da Xunta de Galicia, Antonio Acevedo.

Colaboración institucional

O Reitor destacou o carácter “inclusivo e aberto desta rede. Unha proposta de país, integradora, na que a universidade aporta o coñecemento e o desenvolvemento ao servizo de aqueles sectores que teñen más dificultades para acceder ás tecnoloxías”. Neste senso, Julio Abalde salientou a necesidade de que as “TIC sexan facilitadoras da vida das persoas e, sobre todo, que se garanta a igualdade de oportunidades no seu acceso para toda a sociedade, en especial para aqueles sectores que teñen dificultades para incorporarse a elas”. Un traballo, dixo o reitor, que debe implicar tamén ao sector empresarial e as administracións e, neste senso, agradeceu o apoio da Xunta a través da Consellería de Política Social.
Precisamente, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antonio Acevedo, destacou “o noso apoio máximo para colaborar dende xa nesta proposta” e felicitou ao CITC da UDC pola posta en marcha da rede e “pola gran capacidade de convocatoria” para o impulso da rede que aposta “polo potencial das TIC para mellorar a inclusión”.
Pola súa banda, o director-xerente de ASPACE Coruña, Ricardo Iglesias , salientou o feito de que a pesar de ser un grupo de traballo “que nos coñecemos moi ben, esta é a primeira vez que nos unimos para crear unha rede de coñecemento no ámbito das TIC” e engadiu a importancia das tecnoloxías “para mellorar a calidade de vida dos nosos usuarios e tamén para conseguir unha sociedade máis humanitaria, igualitaria e inclusiva”.
Así mesmo, María del Carmen Colmeiro, presidenta de Cruz Roja Galicia, resaltou o “valor engadido do traballo colaborativo e a aposta das tecnoloxías para mellora a calidade de vida das persoas maiores”.

As TIC ao servizo das persoas para mellorar a súa calidade de vida

O potencial das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) é incuestionable na mellora da vida das persoas en diferentes ámbitos como o da saúde, a educación, o equilibrio económico, a accesibilidade ou a integración tecnolóxica inter-xeracional.
A visión desta Rede é converterse nun espazo de referencia a nivel autonómico e nacional que permita desenvolver proxectos que teñan como base a aplicación do TIC, avaliar tecnoloxías e ofrecer unha serie de infraestruturas singulares que permitan desenvolver proxectos ambiciosos que, de forma individual para unha entidade, sexa complicado. Por exemplo, dispor de infraestruturas de realidade virtual e realidade aumentada, desenvolvemento de escenarios e contornas compartidas por usuarios de diferentes entidades, espazos domotizados e integrados con diferentes asistentes de voz, tecnoloxía móbil e sensorización para avaliar a súa accesibilidade e aplicabilidade en función das capacidades de cada usuario, estudos ou capacidades de desenvolvemento e cómputo para novos modelos de intelixencia artificial para a adaptación da contorna.
Robótica, alfabetización dixital, impresión 3D ou espazo marker son algúns dos ámbitos de traballo que conflúen nesta Rede con selo galego que busca aliñarse con proxectos europeos englobados no Pilar Europeo de Dereitos Sociais ou no Horizonte Europa, o principal programa de financiamento para investigación singular, que prioriza proxectos innovadores a diferente escala.

A realidade tecnolóxica en Galicia

Durante a presentación, o director do CITIC, Manuel G. Penedo, referiuse ao “obxectivo de acadar un mapa tecnolóxico galego inclusivo” con este grupo de traballo, pensado para que os seus destinatarios melloren a súa calidade de vida en todas as súas facetas grazas ás TIC, desde a saúde e a autonomía persoal, ata a das relacións sociais”, sinalou Penedo.

Entidades participantes

Máis de dez entidades do terceiro sector de Galicia, xunto con socios científicos e colexios profesionais, constitúen a Rede Galega de I+D+i de Tecnoloxías de Apoio para unha Sociedade Inclusiva. Os promotores sinalaron o carácter aberto e dinámico da Rede, “con vocación de medrar permanentemente” e asinaron un manifesto que recolle os principais obxectivos e ámbitos de actuación deste grupo que conta tamén co apoio institucional da Xunta de Galicia.
Cruz Vermella, COGAMI, FADEMGA, ASPACE, ASPANES, ASEM Galicia, FEGADACE, FEGERE, TADEGA, CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia), CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da información e as Comunicacións), ASPRONAGA, ADACECO, SARELA.