O 14 de marzo celébrase TalentoCiberR, un evento para mostrar o noso talento en ciberseguridade

xoves, 15 de febreiro do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC), a Cátedra R en Ciberseguridade (UVigo, UDC e a empresa R) e o centro atlanTTic (Universidade de Vigo) organizan en marzo a primeira edición de TalentoCibeR, cuxo obxectivo é “dar visibilidade ao talento en ciberseguridade de Galicia” e “fomentar novas vocacións entre mozos e mozas, situando no mesmo espazo empresas e talento”.
A xornada celebrarase o vindeiro 14 de marzo nas instalacións do CITIC e o programa incluirá obradoiros prácticos, unha mesa coloquio e a terceira edición da competición C3TF, en formato Capture The Flag.
O encontro terá lugar de maneira simultánea en A Coruña, Vigo e tamén en remoto. Este evento conta ademais co apoio de Microsoft, da Facultade de Informática da Universidade Coruña (FIC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (EET) e o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol.
Obradoiros e charlas sobre ciberseguridade
TalentoCibeR comezará coa celebración de dous obradoiros en paralelo: un dirixido ao alumnado de Ciclos de Formación Profesional e outro a estudantes de graos técnicos coma IA, Datos, Informática ou Telecomunicacións.
O obradoiro denominado Nova era: seguridade holística en Microsoft 365 e resposta automatizada ante incidentes usando IA será impartido por Manuel García González, arquitecto de seguridade de Microsoft. Estará enfocado na suite de licenciamento de Microsoft 365 E5 na xestión de licenzas trial. Terá lugar no CITIC e no Salón de Graos da EET.
Por outra banda, o obradoiro O inicio do procedemento forense informático: adquisición de evidencias en PC, móbiles e pendrives USB, estará a cargo de Rafael López García, profesor do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol. Neste curso ensinarase como adquirir certas evidencias forenses en distintos dispositivos empregando tanto ferramentas hardware (clonadoras) como ferramentas software gratuítas (FTK Imager, Caine, adb, WhatsApp Key/DB Extractor, Avilla Forensics, etc). Celebrarase na Sala Network do CITIC e na Aula T214 da EET.
Cada seminario terá dúas horas de duración e é obrigatorio inscribirse a través da web da Cátedra R en Ciberseguridade.
A continuación celebrarase a mesa coloquio Empregabilidade e saídas profesionais de ciberseguridade na que representantes das universidades de A Coruña e Vigo, xunto a profesionais de empresas galegas, darán resposta a preguntas tales como: que futuros poden abrirse unha vez rematada a formación universitaria ou de FP, ou cales son os perfís nacionais e internacionais da carreira profesional en ciberseguridade, entre outras.
Finalizado o debate, o público asistente poderá intercambiar impresións cos relatores nun petisco.
Competición C3TF
Pola tarde, celebrarase no CITIC a terceira edición do C3TF, unha competición en formato CTF (Capture The Flag) ou Captura a Bandeira, na que os e as participantes de Bacharelato, Formación Profesional, Grao e Mestrado (Master) de centros educativos de España terán que resolver durante catro horas diferentes retos relacionados con ámbitos da ciberseguridade no menor tempo posíbel.
Repartiranse tres premios ao ciber-reto, financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade, aos equipos gañadores: o primeiro equipo clasificado recibirá 1.000€, o segundo 700€ e o terceiro premio será de 400€.

PUBLICIDADE