O CEIP de Vilar de Barrio amosa os seus avances nas TIC a través do proxecto Samsung Smart School
mércores, 5 de novembro do 2014
O CEIP Plurilingüe de
Vilar de Barrio, único centro educativo galego integrado no proxecto
Samsung
Smart School (destinado a fomentar a aprendizaxe TIC facendo
fincapé na loita contra a fenda dixital que separa os ámbitos
urbanos dos rurais, sendo no rural precisamente onde se empraza o
dito colexio), amosou
hoxe perante os máximos responsábeis da Consellería de Cultura e
Educación os seus avances en materia de dixitalización e innovación
no ensino. Á cita acudiron o conselleiro Xesús Vázquez
Abad, e o director de Cidadanía Corporativa e Relacións
Institucionais de Samsung, Francisco Hortigüela.
O conselleiro salientou
que a iniciativa Samsung Smart School aplicada no centro de Vilar de
Barrio é un proxecto exemplar de normalización e espallamento das
novas tecnoloxías en zonas afastadas dos grandes núcleos urbanos,
sobre o papel as que máis facilidades teñen para inserírense de
cheo na Sociedade da Información. Pola súa banda, Hortigüela, fixo
saber que “dende Samsung cremos firmemente nas grandes
posibilidades que a tecnoloxía ofrece ao ámbito educativo e que o
noso deber como empresa é axudar á sociedade e sobre todo aos que
máis o necesitan”. E engadiu: “Con este proxecto realizado no
CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio temos como obxectivo último
poder crear unha guía que axude a transformar a educación e a
incorporación da tecnoloxía na aula”.
Na súa visita ao
centro ambos estiveron acompañados pola directora do mesmo, Manuela
Iglesias; polo director xeral de Educación, Formación Profesional e
Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e pola xefa territorial da
Consellería na provincia, Mercedes Gallego.
Durante o percorrido
polo CEIP, Vázquez Abad e Hortigüela tiveron a oportunidade de
intercambiar cos docentes as súas impresións nestas primeiras
semanas de posta en marcha do proxecto, así como de presenciar a
actividade das nenas e nenos na aula cos dispositivos electrónicos
subministrados.
A dotación do proxecto
para este centro ourensán, informa a Consellería, foi de 50
tabletas, 2 encerados dixitais, 2 carriños de carga e seguridade
para as tabletas, e 2 allshare cast (dispositivos para
proxectar desde a tableta á pantalla sen fíos). Estes trebellos
levan tamén incorporados varios programas de control de aula
(Samsung School) e de seguridade e xestión en remoto (Famoc), cuxa
función “é a de facilitar a docencia e simplificar a instalación
de aplicacións, ademais de servir de capa de seguridade diante do
acceso a contidos en liña non axeitados”.
Recordar tamén que
Samsung Smart School foi deseñado en colaboración co Ministerio de
Cultura, Educación e Deporte e implantado en 14 Comunidades
Autónomas. A iniciativa desenvolverase durante o curso 2014/2015 e
ten previsto chegar a máis de 1.500 alumnas e alumnos e a máis de
200 docentes.