O CITIC abre o prazo de recepción de abstracts para o quinto Congreso XoveTIC

martes, 31 de maio do 2022 S. P.

A quinta edición do Congreso XoveTIC organizado polo Centro de Investigación (CITIC) da Universidade da Coruña xa ten aberto o prazo de recepción de presentacións (abstracts) de proxectos. Trátase dunha destacada e referencial cita para mostrar e reivindicar o talento tecnolóxico das novas xeracións de investigadoras e investigadores. Celebrarase o vindeiro mes de outubro, os días 5 e 6. O lema desta edición será En 2022 vémonos, pois tras dous anos de celebración virtual, o congreso retoma o formato presencial das primeiras edicións.
O prazo de recepción de abstracts estará aberto ata o próximo 10 de xuño. O CITIC fixo saber que as contribucións presentadas ao congreso poderán ser orixinais ou traballos adaptados xa presentados noutros foros, e todos os traballos que se acepten serán publicados nun libro de actas. Entre todas as comunicacións orais presentadas, concederanse cinco premios de 300 euros cada un ás mellor valoradas por parte do Comité Científico, atendendo á súa calidade, excelencia e orixinalidade.


PUBLICIDADE