O CITIC achega a tecnoloxía inclusiva á XI Maker Faire Galicia
xoves, 19 de xuño do 2025
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC participou esta pasada fin de semana na xornada de apertura da XI Maker Faire Galicia, que tivo lugar en Santiago de Compostela, concretamente en Área Central. Dentro deste evento o CITIC levou a cabo un obradoiro de creación e personalización de mandos adaptados para videoxogos no marco do proxecto Talentos Inclusivos.
Durante a actividade os asistentes puideron deseñar e construír o seu propio mando personalizado empregando materiais diversos e probar a súa creación cunha selección de videoxogos desenvolvidos na plataforma Scratch, algúns deles elaborados por estudantes do proxecto Talentos Inclusivos o que engade un valor educativo e inclusivo á experiencia.
Por parte do CITIC, desenvolveron o taller Javier Pereira Loureiro Paula de Santos Dorrego e Irene Brage Vázquez.
Esta actividade formou parte dun amplo programa de actividades que incluíu charlas, espazos expositivos, obradoiros e propostas participativas, todas elas centradas na innovación social, educativa, artística e tecnolóxica.
Máis datos sobre a XI Maker Faire Galicia
A Maker Faire Galicia, evento compostelán centrado na vertente máis argalleira e participativa da tecnoloxía, celebra esta tempada a súa XI edición e faino mantendo o formato que estreou o ano pasado, con tres xornadas temáticas en diferentes espazos da cidade. A primeira das citas foi este sábado 14 de xuño, cun programa dedicado ao emprendemento e a innovación social que se celebrou en Área Central e que incluíu numerosas actividades para toda a familia. Foi unha cita dirixida ao público xeral, con especial foco en familias, mocidade e colectivos con interese en transformar o mundo dende o local. Contou con charlas, obradoiros, espazos expositivos e máis de 45 proxectos creativos, tecnolóxicos e sociais.
As seguintes xornadas da Maker Faire Galicia celebraranse na Casa das Máquinas. Serán o 31 de outubro, cunha sesión dedicada á industria e que pretende ser un encontro profesional con empresas, centros de coñecemento e startups; e o 21 de novembro, coa xornada de oficios e cultura maker, para poñer en valor os oficios tradicionais e a transmisión interxeracional de saberes, conectando coas novas xeracións.
A Maker Faire Galicia reafirma tamén nesta edición o seu compromiso coa accesibilidade. Por iso, todas as charlas contarán con intérprete de lingua de signos, e os carteis dos proxectos maker estarán adaptados en braille para garantir unha experiencia inclusiva para todas as persoas.
