O CITIC acolle a defensa de proxectos STEMbach de alumnado do IES Agra do Orzán

mércores, 23 de febreiro do 2022 S. P.

O luns 21 de febreiro a Sala Cloud do CITIC acolleu a defensa de tres proxectos do programa de Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía (STEMbach) realizados por alumnado do IES Agra do Orzán da Coruña durante dous cursos académicos (2020-2022).
O primeiro proxecto defendido foi Rodeados de Intelixencia Artificial. Queres coñecela?, levado a cabo polos alumnos Pablo Blanco Martínez e Rubén Lesta Fraga e dirixido polos investigadores do CITIC Beatriz Pérez Sánchez e Juan Monroy Camafreita e as profesoras do IES Agra do Orzán M.ª Jose Martínez Rey, Begoña Torreiro Anta e Ana Luz Vázquez Fernández. Actuou como membro do tribunal a investigadora do CITIC María Noelia Sánchez Meroño.
O obxectivo principal do proxecto foi que os alumnos coñecesen en que consiste a Intelixencia Artificial e identificar diferentes aplicacións da mesma.
O segundo proxecto presentado foi o de Creación dun sistema de adestramento e rehabilitación de reflexos a través de dispositivos luminosos baseados en Arduino ou Micro:bit, realizado polos alumnos Gabriel Edreira García e Mencía Martínez Valdés. Estivo titorizado polo subdirector do CITIC Javier Pereira Loureiro, as investigadoras do centro Carmen Miranda Duro, Patricia Concheiro Moscoso e Betania Groba, e por parte do IES Agra do Orzán pola profesora María José Martínez Rey. A membro do tribunal encargada de avaliar o proxecto foi a investigadora do CITIC Thais Pousada.
O obxectivo deste proxecto foi crear un sistema de luces que poida ser aplicado para a intervención con persoas con discapacidade, concretamente para o adestramento de reflexos. En último termo, a finalidade foi que os estudantes puidesen coñecer a realidade das persoas con discapacidade, en especial das persoas con parálise cerebral.
Por último, expúxose o proxecto Procura de novos compostos antitumorais desenvovido polas alumnas Iria Estévez Quesada, Noa López Noya e Alejandra Sanjurjo Novo. Actuaron como titores na UDC os docentes do departamento de Química Jesús José Fernández Sánchez e Margarita López Torres, e coma titoras do centro educativo Ana Luz Vázquez Fernández, Begoña Torreiro Anta e M.ª José Martínez Rey. O membro do tribunal foi o docente do departamento de Química da UDC Alberto Fernández López.
O obxectivo principal do proxecto foi que o alumnado adquirise un coñecemento específico sobre o cancro e o seu tratamento, máis aló dun coñecemento xeral.
O programa de Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía (STEMbach), coordinado na UDC polo Campus Innova, ten “o obxectivo de promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación ao ensino universitario”. Esta iniciativa busca fomentar tamén “o pensamento científico e o enfoque práctico de indagación e resolución de problemas a través da realización de proxectos de investigación”.

PUBLICIDADE