O CITIC acolle a formación de mentoras do programa Inspira STEAM A Coruña

venres, 4 de febreiro do 2022 S. P.

Este mércores 2 de febreiro a sede do Centro de Investigación TIC na UDC (o CITIC) acolleu a xornada formativa dirixida a mentoras e mentores do programa Inspira STEAM A Coruña 2021/2022.
Esta formación diríxese a profesionais do ámbito académico, investigador e empresarial e foi impartida por Ander Mimenza Aurrecoechea, adestrador, formador e consultor especializado en desenvolvemento organizacional e de persoas.
O nodo Inspira STEAM A Coruña está coordinado pola investigadora do CITIC Verónica Bolón.
Fontes do centro informaron de que “unha vez realizada a xornada formativa, desenvolveranse diferentes sesións de traballo en centros educativos da provincia da Coruña co fin de facilitar ao alumnado novos referentes de mulleres científicas e tecnólogas, dar a coñecer as profesións STEAM, sensibilizar e orientar sobre os estudos en ciencia e tecnoloxía, mostrar e poñer en valor ás mulleres STEAM da historia, así como dar a coñecer os estereotipos existentes nestas áreas para que non condicionen as decisións de nenas e nenos”.
O nodo Inspira STEAM A Coruña conta tamén co apoio do Campus Innova da UDC, dirixido pola investigadora do CITIC Susana Ladra.

PUBLICIDADE