O CITIC acolle a reunión do consorcio europeo SPACIOUS, proxecto punteiro en ciencia de datos e astronomía

luns, 23 de xuño do 2025 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu a semana pasada a reunión intermedia do proxecto europeo SPACIOUS (Science PlAtform Cloud Infrastructure for Outsize Usage Scenarios), unha iniciativa financiada polo programa Horizonte Europa que ten como obxectivo o desenvolvemento dunha plataforma científica na nube orientada á explotación de grandes volumes de datos procedentes de misións espaciais da Axencia Espacial Europea, como Gaia e Euclid.
Durante tres xornadas, do 18 ao 20 de xuño, representantes dos diferentes socios do consorcio reuníronse nas instalacións do CITIC para avanzar no desenvolvemento técnico da infraestrutura e coordinar as seguintes fases do proxecto. No encontro participaron investigadores e enxeñeiros de institucións como a Universidade de Barcelona (entidade coordinadora), o Barcelona Supercomputing Center, a Universidade de Edimburgo, CENTRA (Portugal), a Universidade Adam Mickiewicz (Polonia) e a Universidade da Coruña, que forma parte activa a través do CITIC, nun grupo de traballo que dirixe José Carlos Dafonte Vázquez.
Segundo informa o CITIC, o proxecto SPACIOUS “busca dotar á comunidade científica europea dunha ferramenta avanzada para procesar e analizar de forma eficiente os inxentes volumes de datos xerados por observatorios espaciais”. Seguindo este fío, a plataforma en desenvolvemento “permitirá integrar técnicas de minería de datos, Intelixencia Artificial e visualización avanzada, facilitando novos descubrimentos en astronomía e física fundamental”.
Durante a reunión celebrada na Coruña as persoas participantes abordaron cuestións como o deseño da arquitectura do sistema, a integración de algoritmos de análise masiva, a interoperabilidade con infraestruturas existentes e a preparación de casos de uso científicos que validen a contorna. Amais, planificouse a futura apertura da plataforma á comunidade investigadora internacional, a través dunha convocatoria de propostas que permitirá avaliar o seu potencial en contextos reais de investigación.
A participación do CITIC neste consorcio europeo reforza o seu papel como referente no ámbito das tecnoloxías da información aplicadas á ciencia, achegando a súa experiencia en análise de datos, computación avanzada e transferencia tecnolóxica. Ademais, esta colaboración pon de manifesto a capacidade do ecosistema galego para integrarse en proxectos internacionais de alta esixencia técnica e científica.
SPACIOUS conta cun financiamento de 1,9 millóns de euros e desenvolverase ata finais de 2026. A contribución da Universidade da Coruña, a través do CITIC, representa un impulso estratéxico ao seu compromiso coa investigación de fronteira e a colaboración internacional.