O CITIC acollerá os días 23 e 24 un curso sobre novas ferramentas para unha iluminación responsábel

luns, 8 de xullo do 2024 S. P.

O CITIC informou da apertura do prazo de inscrición para participarmos no curso de verán Novas ferramentas e tecnoloxías para o redeseño da paisaxe nocturna como axente de transformación urbana, que promove a UDC en colaboración coa Asociación Slowlight. Este curso realizarase os días 23 e 24 de xullo de 2024 no CITIC e xorde do compromiso da Universidade da Coruña coa iniciativa Slowlight, asinada o 5 de marzo de 2021, que ten como obxectivo promover con recursos tecnolóxicos avanzados unha iluminación responsábel e reducir a contaminación lumínica.
Respecto das persoas destinatarias, o CITIC da UDC explica que o curso está dirixido “a un público amplo”, incluíndo estudantes de diversas titulacións universitarias, profesionais do sector público e privado e persoas interesadas no deseño urbano e a sustentabilidade. As inscricións pódense realizar a través da páxina web da UDC ata o próximo 18 de xullo.
O curso estrutúrase nun único módulo desenvolvido en dous días e está deseñado con criterios de excelencia no seu programa académico e relatores. Inclúe obradoiros innovadores, un paseo nocturno e conferencias impartidas por destacados expertos nacionais.
O programa Slowlight busca unha nova cultura de iluminación aliñada cos obxectivos da axenda urbana 2020-2030, favorecendo a transición enerxética e o uso responsábel dos recursos.

PUBLICIDADE