A versión internacional do proxecto Talentos Inclusivos, a chamada EDIGIT (Education and Dixital Literacy to Grow Inclusive Talents), vén de celebrarse esta semana na sede do CITIC (Centro de Investigación das TIC) da UDC. Neste encontro reuníronse representantes de varios países europeos como Bulgaria, Italia, República Checa e España, co obxectivo de dar comezo nos traballos do proxecto.
Esta proposta ten como finalidade promover a participación das persoas con discapacidade na transición dixital, impulsando enfoques inclusivos no ensino das disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). A través deste proxecto europeo, búscase dotar aos e ás docentes das competencias precisas para desenvolver iniciativas centradas na inclusión dentro destes eidos educativos.
Durante a xuntanza, os participantes traballaron na definición do enfoque metodolóxico e pedagóxico que guiará o desenvolvemento do contido educativo do proxecto. Este traballo é parte dun conxunto de actividades que se centran na creación de materiais educativos inclusivos e adaptados ás necesidades dos docentes e estudantes nunha contorna dixital. Asemade, levouse a cabo unha aproximación para definir as competencias, a estrutura dos módulos de formación e os requisitos de dixitalización necesarios para asegurar que os contidos sexan accesibles e efectivos. Estas cuestións abordaranse nun primeiro borrador que se presentará axiña.
O consorcio do proxecto, liderado polo CITIC, inclúe outras seis institucións de cinco países diferentes: Academia José Moreira da Silva (Portugal), Kezenfogva Osszefogas A Foyatekosokert Alapitvany (Hungría), Gymnázium Jiřího Gutha-Jarkovského (República Checa), ASPACE Coruña (España), Polo Europeo della Conoscenza – IC Bosco Chiesanuova (Italia) e On Projects Advising SL (España).
Voltando a esta primeira reunión, un dos principais obxectivos foi a creación de directrices metodolóxicas e pedagóxicas que servirán de base para o desenvolvemento dos módulos de formación, os cales están deseñados para sensibilizar aos estudantes sobre a discapacidade, promover un ensino inclusivo e facilitar a transición dixital nos centros educativos.
O CITIC, subliña a importancia desta colaboración internacional para crear recursos educativos que fomenten unha maior inclusión e equidade na educación dixital. O proxecto EDIGIT comprométese a achegar unha formación de alta calidade que non só mellore as habilidades dixitais dos docentes, senón que tamén faga do ensino STEM unha experiencia accesible e inclusiva para todas e todos.
O CITIC acolleu a primeira xuntanza europea dos Talentos Inclusivos para fomentar a inclusión dixital nas STEM
Compartir Este Artigo

