O CITIC acolleu unha nova edición dos Almorzos TIC Talk

luns, 3 de xullo do 2023 S. P.

O pasado 27 de xuño celebrouse na sede do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) do Campus de Elviña unha nova sesión dos Almorzos TIC Talk na que se mostraron as liñas de investigación nas que traballan Ana Ribas Rodríguez e Rubén Pérez Jove. En primeiro lugar, Ana Ribas presentou Máis aló da sinapse: as estrelas do cerebro, na que falou da súa investigación baseada no estudo da función dos astrocitos (un tipo de células do sistema nervioso que interveñen na regulación da actividade neuronal, entre outras funcións) na sinapse tripartita, para o desenvolvemento de redes neuronais artificiais.
Pola súa banda, Rubén Pérez coa súa charla fingerAI: An Operating System Fingerprinting Tool Based on Artificial Intelligence, falou de FingerAI, a ferramenta de pegada dixital (fingerprinting) de sistemas operativos baseada en técnicas de IA desenvolvida durante o seu traballo de mestrado, a cal foi recentemente premiada polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG) na categoría de Traballo Fin de Máster en Enxeñería Informática.
Os Almorzos TIC Talk reúnen o último martes de cada mes ao persoal investigador do CITIC que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira investigadora, coa finalidade de potenciar a transversalidade e promover posíbeis colaboracións.

PUBLICIDADE