O CITIC amosa o seu proxecto Talentos Inclusivos no Congreso ATIA de Florida

martes, 4 de febreiro do 2025 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) estivo presente no Congreso ATIA 2025, celebrado en Orlando (Florida) do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2025, con modalidade presencial e virtual.
Até Florida foi Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC, quen presentou alí o proxecto Talentos Inclusivos, desenvolvido polo CITIC en colaboración con ASPACE Coruña e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Emporiso, a Assistive Technology Industry Association (ATIA), líder en tecnoloxía de asistencia, mellora a vida das persoas con discapacidade a través de solucións innovadoras e neste congreso anual reúne a expertos, profesionais, educadores e persoas con discapacidade para compartir coñecementos e avanzar nun futuro inclusivo. Foi por iso que o CITIC quixo amosar neste encontro a súa iniciativa que fomenta o interese da mocidade polas disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) e sensibiliza sobre a discapacidade, creando equipos colaborativos que resolven retos tecnolóxicos propostos por persoas con parálise cerebral.
A participación en ATIA 2025 permitiu ao CITIC compartir os avances do proxecto coa comunidade internacional, subliñando a importancia da inclusión e a innovación en tecnoloxía asistida. Asemade este evento tamén serviu como intercambio de experiencias e creación de novas colaboracións para seguir desenvolvendo solucións tecnolóxicas que melloren a vida das persoas con discapacidade.
Para máis información sobre Talentos Inclusivos, cómpre visitar a súa páxina web oficial.