O CITIC ampliará as súas instalacións con financiamento da Consellería de Cultura

xoves, 16 de xullo do 2020 Sonia Pena

O Centro de Investigación TIC está no camiño do medre, tanto a nivel de prestixio, como de repercusión dos seus proxectos como, tamén, de instalacións. De feito, a Universidade da Coruña vén de sacar a licitación a ampliación das dependencias do CITIC no Campus de Elviña, que será financiada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Trátase dunha obra de ampliación lateral do edificio CITIC I, que ten o obxectivo de dotar de novos laboratorios ao centro e de optimizar e acondicionar interiormente espazos comúns.
Este espazo dará acubillo a laboratorios de investigación para as áreas de Intelixencia Artificial, robótica e tecnoloxía aplicada á saúde destinada a mellorar a calidade de vida das persoas con diversidades funcionais. A previsión é dispor dos novos laboratorios antes da finalización deste ano.
Con esta ampliación, o CITIC poderá aumentar o alcance da súa actividade investigadora e potenciar as súas capacidades, nun novo espazo onde traballarán ao redor de 20 investigadores do centro.

PUBLICIDADE