O CITIC analiza no CHUAC as tecnoloxías emerxentes en formación e práctica médica

xoves, 16 de novembro do 2023 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña ten hoxe un papel destacado na Xornada sobre Tecnoloxías Emerxentes en Formación e Práctica Médica que se celebra no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
A xornada, titulada Cara un novo CHUAC 4.0, centrarase en destacar os avances en impresión e visualización 3D, Realidade Virtual e innovación dixital no ámbito sanitario. “A participación do CITIC”, explica a dirección do centro, “evidencia o compromiso coa investigación e a aplicación de tecnoloxías de vangarda na mellora da formación e práctica médica”.
O evento desenvólvese este xoves até as 13:40 horas e comeza coa presentación ás 9:30 horas a cargo de Luis Verde Remeseiro, xerente da Área Sanitaria de A Coruña e Cee, e Julio Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña.
O director do CITIC, Manuel González Penedo, modera o primeiro bloque de contidos, onde María Gloria Álvarez Caballero, da Plataforma de Simulación e Impresión 3D, aborda a xeración de valor desde un servizo central de enxeñaría e impresión 3D na contorna hospitalaria.
Destacando a conexión entre investigación e práctica clínica, José A. Iglesias Guitián, investigador do CITIC, presenta os avances na visualización 3D en tempo real de tomografías computarizadas ás 10:15 horas.
A continuación, Javier Pereira, subdirector do CITIC, explorará as oportunidades para a inclusión mediante o uso de realidade virtual e impresión 3D para adaptación e comunicación personalizadas, contribuíndo ao proxecto Talentos Inclusivos.
O segundo bloque de contidos, moderado por Pedro J. Marcos Rodríguez e Salvador Naya Fernández, destacará a importancia da innovación dixital no ámbito sanitario. Juan A. Juanes Méndez, profesor da Universidade de Salamanca e responsable do Grupo de Investigación de Sistemas de Visualización Médica Avanzada, compartirá reflexións sobre a aplicación de tecnoloxías de realidade mixta na formación médica e práctica clínica ás 12:15 horas.
A xornada concluirá cun relatorio ás 15:15 horas, centrado na experiencia práctica dunha contorna virtual na artrocentesis inmersiva, coa participación de MIR de reumatoloxía, estudantes de medicina e MIR de medicina de familia do CHUAC.

PUBLICIDADE