O CITIC captará talento internacional cun innovador programa de doutoramento
venres, 9 de abril do 2021
O
Centro
de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña obtivo
unha importante concesión da Comisión Europea, por valor de 650.000
euros, dentro da prestixiosa convocatoria COFUND, enmarcada dentro de
las Acciones Marie Sklodowska Curie (MSCA).
O programa 3-i ICT
(International, Interdisciplinary and
Intersectoral Information and Communications Technology PhD
Programme),
polo que aposta a Comisión Europea, permitirá a captación
internacional de 8 investigadores/as, que se integrarán nos equipos
de investigación do CITIC.
Trátase
do primeiro programa concedido a unha institución galega dentro da
convocatoria COFUND 2020. Desta forma, o CITIC é unha das 11
entidades españolas que obteñen financiamento
para fomentar a excelencia na formación do persoal investigador, a
súa mobilidade e desenvolvemento da carreira profesional.
O
programa 3-i ICT dispón dun orzamento
total de 1,3 millóns de euros, contando tamén con
co-financiamento da Secretaría Xeral de
Universidades da Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Innovación
(GAIN), ademais da axuda concedida pola Comisión Europea.
A iniciativa terá unha
duración de cinco anos e iniciarase nos vindeiros
meses. O novo persoal investigador desenvolverá as súas teses
doutorais interdisciplinarias relacionadas coas liñas de
investigación principal do CITIC: Intelixencia Artificial, Ciencia e
Enxeñaría de Datos, Computación de Altas
Prestacións, Servizos e Redes intelixentes, así como a área de
investigación transversal, a Ciberseguridade.
As
teses doutorais contarán cun elevado compoñente intersectorial e
internacional, posto que incluirán estancias en recoñecidas
universidades, así como en prestixiosos centros de investigación e
empresas de dentro e fóra de España. Esta formación proporcionará
ao persoal investigador unha sólida vantaxe competitiva nas súas
carreiras.
A obtención dun proxecto COFUND supón para o
CITIC “un gran logro a nivel institucional”, que permite “aliñar
as políticas e programas de captación de talento investigador cos
estándares establecidos pola Comisión Europea en materia de
recursos humanos en investigación”, explicaron
fontes do centro da UDC, engadindo que este
proxecto “constituirá unha mellora da excelencia científica,
avanzando no posicionamento do centro a nivel internacional. 3-i TIC colocará ao CITIC como un novo hub de
talento investigador en Galicia e Norte de Portugal, representando un
salto para cumprir cos obxectivos da Estratexia de Especialización
Intelixente de Galicia (RIS3) e a Estratexia de Especialización
Intelixente de la Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal
(RIS3T)”.