O CITIC celebra en outubro a edición online de XoveTIC

martes, 8 de setembro do 2020 S. P.

O talento novo pide paso e faino malia unha adversidade (a da COVID) que afecta a todos os escenarios da vida científico-tecnolóxica actual. Do compromiso do CITIC coa xuventude e desta vontade xeral de facer fronte á crise sanitaria con máis investigación e máis innovación xorde directamente a nova edición do Congreso XoveTIC, que se vai celebrar este ano os días 8 e 9 de outubro en formato online.
Trátase da terceira edición dun evento científico que se foi consolidando ano tras anos “como unha cita obrigada para o persoal investigador junior (predoutoral e posdoutoral) do ámbito TIC de universidades españolas e do norte de Portugal”, en palabras do CITIC.
O obxectivo do congreso é “crear un espazo de encontro para o debate científico e contribuír deste xeito á formación dos asistentes”.
O XoveTIC suporá tamén, en palabras do centro coruñés, “unha oportunidade ideal para que as persoas participantes compartan as súas investigacións nun ambiente colaborativo e distendido”.
O CITIC, para ilustrarnos sobre a importancia do evento, recorda dende a súa web que na súa pasada convocatoria contou con preto de 100 asistentes e nela presentáronse máis de 50 comunicacións, tanto en formato oral como en póster.
Fontes do CITIC engaden que “XoveTIC é un congreso xenuíno que se diferencia da maioría dos congresos que se celebran en España no ámbito do TIC, nos cales se reúnen investigadores senior con anos de experiencia, pero achegando”, no caso de XoveTIC, un axeitado punto de partida para facer medrar novas investigacións e proxectos que marquen un antes e un despois na sociedade e na tecnoloxía”.

PUBLICIDADE