O CITIC celebrará o IV Congreso XoveTIC o 7 e 8 de outubro

venres, 17 de setembro do 2021 S. P.

O CITIC celebra os próximos 7 e 8 de outubro a cuarta edición do Congreso XoveTIC, un evento científico destinado ao persoal investigador júnior. Presentaranse un total de 60 traballos no ámbito das TIC e tamén terán lugar dúas conferencias plenarias, ofrecidas pola directora da Área de Tecnoloxía da UPF Barcelona School of Management, Ana Freire, e o membro do Comité Asesor de Directores do INESC TEC de Porto e profesor da Universidade do Minho, Rui Carlos Oliveira.
A inscrición ao congreso é gratuíta e pode formalizarse na páxina web xovetic.citic.udc.es.
Este evento científico está destinado ao persoal investigador júnior (predoutoral e posdoutoral) para presentar comunicacións orais ou pósteres das súas investigacións no ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Ademais, tamén están previstas conferencias plenarias e obradoiros de formación.
Segundo explica o CITIC, o XoveTIC é “un congreso xenuíno que se diferencia da maioría dos eventos análogos que se celebran en España no ámbito das novas tecnoloxías, nos cales se reúnen investigadores sénior con anos de experiencia”. Pola contra, o XoveTIC preséntase como “o punto de partida de novas investigacións e proxectos que impliquen cambios disruptivos na sociedade e na tecnoloxía tal e como actualmente as coñecemos”.

PUBLICIDADE