O CITIC celebrará o terceiro Congreso XoveTIC o 8 e 9 de outubro en formato online

martes, 12 de maio do 2020 Fernando Sarasketa

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC segue a poñer o foco no talento novo, o das futuras investigadoras e investigadores, e deste compromiso coa mocidade xorde o Congreso XoveTIC, que este ano vaise celebrar os días 8 e 9 de outubro en formato online, co obxectivo de garantir aos participantes a máxima seguridade fronte á COVID-19. Trátase da terceira edición dun evento científico que se foi consolidando ano tras anos “como unha cita obrigada para o persoal investigador junior (predoutoral e posdoutoral) do ámbito TIC de universidades españolas e do norte de Portugal”, en palabras do CITIC.
O prazo de recepción de abstracts a través da plataforma EasyChair xa está aberto e remata o vindeiro 17 de xuño.
O obxectivo do congreso é “crear un espazo de encontro para o debate científico e contribuír deste xeito á formación dos asistentes”.
O XoveTIC, cuxa inscrición é gratuíta, suporá tamén, en palabras do centro coruñés, “unha oportunidade ideal para que as persoas participantes compartan as súas investigacións nun ambiente colaborativo e distendido”.
Para que nos fagamos unha idea da súa repercusión e do alto nivel de participación que acada, na súa pasada convocatoria contou con preto de 100 asistentes e nela presentáronse máis de 50 comunicacións, tanto en formato oral como en póster.
Fontes do CITIC engaden que “XoveTIC é un congreso xenuíno que se diferencia da maioría dos congresos que se celebran en España no ámbito do TIC, nos cales se reúnen investigadores senior con anos de experiencia, pero achegando”, no caso de XoveTIC, un axeitado punto de partida para facer medrar novas investigacións e proxectos que marquen un antes e un despois na sociedade e na tecnoloxía”.

PUBLICIDADE