O CITIC colabora un ano máis coa Maker Faire Galicia 2021 que abre este mércores as súas portas virtuais

mércores, 2 de xuño do 2021 S. P.

Este 2 de xuño abre as portas (virtuais) un dos grandes acontecementos tecnolóxicos da tempada, a Maker Faire Galicia, que se celebra até o día 6 cun programa de actividades do máis alto nivel, apoiado por algún dos máis sobranceiros representantes da comunidade argalleira galega, estatal e internacional, e tamén por algunha das entidades tecnolóxicas que máis están a facer avanzar o ámbito das tecnoloxías intelixentes. Por exemplo o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC, que colabora novamente coa organización da feira.
Edición online
Esta edición, do mesmo xeito que a do ano pasado, celebrarase nun formato totalmente online e será novamente un punto de encontro para a creatividade e o enxeño, nun programa variado coa participación de especialistas en distintas áreas de coñecemento, no que se compartirán contidos e proxectos relacionados coa innovación social e cultural, a innovación educativa e a innovación empresarial.
O CITIC
O CITIC participará cunha caseta virtual na xornada de portas abertas, onde diferentes investigadores do centro exporán os seus proxectos nas xornadas profesionais.
O CITIC lembra que os catro proxectos presentados na feira foron seleccionados entre as 10 mellores propostas, optando desta forma á fase de concurso de proxectos que se celebrará nas xornadas.
Ademais, a investigadora do centro coruñés Amparo Alonso participará o 4 de xuño ás 10:00 horas na mesa redonda A educación do futuro é agora, onde reflexionará, xunto a diferentes expertos en tecnoloxía, sobre todo o que se fixo e todo o que se pode facer nos próximos anos axudados de ferramentas tecnolóxicas como a Intelixencia Artificial, a neurotecnoloxía e a Realidade Virtual.
Os proxectos do CITIC
-Contornas personalizadas de Realidade Virtual para a rehabilitación de persoas con diversidade funcional
Autores: Manuel Lagos Rodríguez, Javier Pereira Loureiro, Ángel Gómez García e Thais Pousada García
Resumo: A Realidade Virtual permite xerar unha contorna de gran realismo, á vez que logra a inmersión do usuario no mesmo. A finalidade deste proxecto é “empregar dita tecnoloxía para desenvolver escenarios que sirvan como ferramenta complementaria en terapias con persoas con diversidade funcional”. Cada escenario configúrase en forma de proba cunha serie de obxectivos establecidos que o usuario deberá conseguir.
Data da exposición: 02/06/21 – 10:00 h
-Pictotempo
Autores: Noé Vila, xunto a Paula M. Castro e Óscar Fresnedo.
Resumo: PictoTempo é un proxecto que ten como obxectivo axudar aos nenos e nenas con algún tipo de trastorno do espectro autista e, en xeral, aos usuarios con diversidade funcional e cognitiva, na organización e realización das súas rutinas e tarefas cotiás. A aplicación móbil deste proxecto contribúe a mellorar a súa autonomía e facilita que os seus educadores e educadoras poidan realizar unha programación adaptada ás súas necesidades e un seguimento continuo destas rutinas e tarefas grazas ao uso de pictogramas.
Data da exposición: 02/06/21 – 15:00 h
-Interfaces home-máquina con hardware e software aberto
Autores: Francisco Laport, Paula M. Castro, Francisco Vázquez-Araujo e Adriana Dapena
Resumo: As interfaces home-máquina (HMI) representan unha nova canle de comunicación entre as persoas e os obxectos da súa contorna que non depende das canles de comunicación habituais. A través do emprego de software e hardware aberto, este grupo de UDC-CITIC desenvolveu un sistema HMI completo. Este ten gran utilidade para persoas con dificultades motrices severas ou aqueles que, aínda conservando certo control muscular, fatíganse facilmente.
Data da exposición: 02/06/21 – 10:00 h
-Sistema de monitoraxe para IT
Autores: Alejandro Mosteiro, Carlos Dafonte e Ángel Gómez
Resumo: Este proxecto expón un sistema de monitoraxe para CPDs baseado en tecnoloxías open source e open hardware. En concreto, combínase o sistema de seguimento Zabbix coa aplicación para domótica Home Assistant e o protocolo MQTT para a recollida de datos dos sensores.
Data da exposición: 02/06/21 – 14:00 h
Organización
A sétima edición da Maker Faire Galicia celebrarase nun Museo Gaiás virtual, da man de Vermis Project, e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura, a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia (ao abeiro do proxecto Capacita Directivos). Ademais, realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación, a FECYT.

PUBLICIDADE