O CITIC colaborará en validar unha nova técnica non invasiva para estudar a retina

venres, 4 de agosto do 2017 Redacción

O Instituto Oftalmolóxico Gómez-Ulla puxo en marcha un proxecto que ten como finalidade validar unha nova técnica non invasiva para estudar a retina, permitindo deste xeito unha análise detallada da mesma sen necesidade de inxectar contraste intravenoso, tal e como se vén facendo até o de agora. Esta iniciativa de I+D realizarase integramente no dito instituto e estará liderado polo director médico da clínica, Francisco Gómez-Ulla de Irazazábal, e por un equipo investigador deste centro. Colaborarán co mesmo unha equipa do Centro de Investigación TIC da UDC, liderado polo coordinador do CITIC, Manuel F. González Penedo, e o Grupo Interdisciplinar de Bioestatística da Universidade de Santiago de Compostela GI-2127 da Rede INBIOEST, que lidera a profesora Carmen Cadarso.
Este proxecto de investigación constituíu un dos 18, de entre os máis de 140 presentados, que foi recoñecido pola Fundación Mutua Madrileña coa concesión da súa XIX Convocatoria Anual de Axudas á Investigación en materia de Saúde. A investigación levarase a cabo nunha poboación de voluntarios sans e en pacientes diabéticos sen e con retinopatía diabética leve-moderada, sen que esta leve asociada edema macular, para poder determinar a zona avascular foveal e a densidade vascular central mediante “angio-OCT”, a nova técnica de imaxe para estudar a retina que permite unha análise detallada da súa vascularización sen necesidade de inxectar contraste intravenoso e que posibilita obter en moi poucos minutos unha imaxe da retina e dos seus vasos.
O centro da retina chámase mácula (zona de máxima visión) e no centro da mácula atópase a zona avascular foveal, que adoita estudarse mediante unha metodoloxía invasiva que se chama anxiografía fluoresceínica.
“Dispor desta nova técnica de imaxe permítenos non só medir a área da zona avascular foveal (alterada en moitas doenzas coma a retinopatía diabética) senón tamén mediar a densidade dos diferentes plexos vasculares. Determinar as medidas destas estruturas na poboación san permitiranos dispoñer dunha base normativizada, utilizando o módulo OCT Angioplex da casa Zeiss”, sinalaron os expertos.
Ademais, estudaranse estes parámetros nunha poboación con retinopatía diabética co obxectivo de investigar se permite achegar un diagnóstico máis precoz que empregando os métodos dos que dispoñemos a día de hoxe.

PUBLICIDADE