O CITIC contribúe á eficiencia e á operatividade das comunidades enerxéticas sustentables
martes, 26 de novembro do 2024
O Campus Industrial de Ferrol acolle esta semana, este martes 26 e mañá 27 de novembro, unha das reunións de traballo presencial do Proxecto Europeo sobre as Comunidades Enerxéticas Sustentables do Atlántico (SAtComm) no que participa a Universidade da Coruña a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), baixo o liderado dos investigadores do grupo de Ciencia e Técnica Cibernética (CTC), José Luis Calvo Rolle e Héctor Quintián Pardo.
Nesta segunda reunión de traballo presencial (a primeira tivo lugar no mes de xuño en Lisboa) continuarán traballando na definición dun modelo eficiente e sustentábel para a implantación destas Comunidades Enerxéticas Sustentables (CES) no continente europeo. Buscan pois “un modelo que sirva como instrumento para unha transición cara unha enerxía limpa e a descarbonización do territorio”.
A proposta do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña ten por obxectivo “modelar todos os elementos das CES botando man de datos históricos, dos perfís das persoas usuarias ou mesmo dos tipos de carga que deben abastecer”. Fontes da UDC engaden que o que se pretende é “identificar e analizar os posíbeis erros ou anomalías existentes nos compoñentes das Comunidades Enerxéticas Sustentables anticipando problemas e mellorando a toma de decisións asegurando así un funcionamento óptimo durante toda a súa operación”.
Este Proxecto de Cooperación Territorial Europea, máis coñecido como Interreg, sobre as comunidades SatComm conta cun orzamento de 3,2 millóns de euros. A Universidade da Coruña dispón de máis de 400.000 euros para levar a cabo a súa parte do proxecto. O equipo de traballo está integrado por 10 entidades públicas e privadas de Irlanda, Portugal, Francia e de España.