O CITIC crea para o proxecto HiPERFORM un control telemático para embarcar nun vehículo eléctrico
xoves, 25 de febreiro do 2021
Os
investigadores do CITIC Valentín Barral, José A. García Naya, Luis
Castedo, Carlos J. Escudero e Javier Rodas González desenvolveron
unha unidade de control telemática para embarcar nun vehículo
eléctrico, no marco do proxecto europeo HiPERFORM (High
performant Wide Band Gap Power Electronics for Reliable, energy
efficient drivetrains and Optimization through Multi-physics
simulation), baseado en novos dispositivos de electrónica de
potencia e que salienta por ofrecer, segundo indica o centro de
investigación da UDC, “unha alta eficiencia enerxética”.
Ao
abeiro deste proxecto, o investigador Javier Rodas González visitou
o pasado mes de decembro as instalacións de Tecnalia en Euskadi,
concretamente o seu banco de probas, que conta cunha cabina de
condución completa equipada con volante, selector de velocidade e
pedais de acelerador e freo. A unidade telemática desenvolvida polo
CITIC integrouse con éxito no devandito banco, tal e como
se pode comprobar no vídeo achegado polos investigadores.
O
CITIC engade que o banco de probas utiliza o motor gráfico UNITY e
un modelo de dinámica do vehículo multi-corpo (DYNACAR) que modelan
a dinámica de todas as partes móbiles do vehículo e os cerebros
electrónicos encargados de xestionar, entre outros aspectos, a carga
das baterías, os motores eléctricos, o inversor que envía a
enerxía desde as baterías aos motores e todos os sistemas que
interveñen na condución e xestión enerxética do vehículo.
Polo
que se refire á unidade telemática, habilita o acceso remoto e en
tempo real aos datos de telemetría e dos sensores do vehículo, “o
que permite analizar grandes volumes de datos para detectar fallos
antes de que se produzan, reducindo así os custos de mantemento,
mellorando a satisfacción do cliente e aumentando a seguridade”,
explicaron os investigadores.
HiPERFORM
é un proxecto internacional de I+D que ten como obxectivo principal
a aplicabilidade industrial de semicondutores de alto rendemento con
materiais de banda larga no eido da mobilidade intelixente. Os
froitos obtidos ao abeiro desta iniciativa permitirán dotar aos
fabricantes europeos de vehículos eléctricos de excelentes
tecnoloxías para o desenvolvemento de vehículos ecolóxicos
asumibles de próxima xeración.
Participan
no proxecto 31 entidades procedentes de 8 países europeos.
HiPERFORM
conta cun orzamento de 41 millóns de euros, co-financiados polo
programa europeo H2020 e polas axencias de innovación nacionais dos
países participantes.
