O CITIC da UDC e Navantia avanzan na transformación do naval cun obradoiro sobre adestramento inmersivo

mércores, 18 de setembro do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) acolleu este mércores un obradoiro do paquete de traballo 15 do proxecto European Digital Naval Foundation (EDINAF), que ten como obxectivo avanzar no desenvolvemento de tecnoloxías dixitais de vangarda para a industria naval europea.
A xornada reuniu a expertos e investigadores do ámbito naval, tanto do CITIC como de Navantia, entre eles, o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas, así como responsábeis das empresas Indra e Rheinmetall.
O investigador do CITIC, Salvador Naya, foi o encargado de organizar este taller sobre o paquete 15 de EDINAF, que contou coa participación do equipo da UDC coordinado por Luís Antonio Hernández Ibáñez, do Departamento de Enxeñaría Civil da Universidade. Trátase, sinalaron, dunha iniciativa punteira orientada á creación dunha arquitectura dixital innovadora para os buques do futuro. O proxecto está aliñado coa transformación dixital da industria naval, abordando áreas como a formación inmersiva de tripulacións e a integración de axentes intelixentes para mellorar as capacidades operativas a bordo.
O obradoiro centrouse nas actividades do paquete de traballo 15, que inclúe dúas áreas fundamentais:
-Servizo de Adestramento Dixital da Tripulación: co uso de tecnoloxías inmersivas como a Realidade Virtual, simularanse escenarios reais para o adestramento das tripulacións, reducindo os riscos e custos asociados aos exercicios en vivo.
-Estandarización de Axentes Intelixentes: este compoñente enfócase en mellorar a experiencia operativa mediante a implementación de sistemas intelixentes de apoio en tempo real, abarcando áreas críticas como o Sistema de Auga Arrefriada (CWS) e os sistemas de radar e Guerra Electrónica (EW).
O obxectivo principal do taller foi o de coordinar os esforzos dos socios do proxecto en relación coas distintas tarefas do Paquete de Traballo 15, tales como a definición do servizo de adestramento dixital; a estandarización dos axentes intelixentes e o desenvolvemento de aplicacións de axentes intelixentes para o CWS e os sistemas de radar/EW.